Galegos que veñen de aló


A médica ten 33 anos. Diplomas de especialización e doutoramento en varias universidades. Un galego magnífico, espontáneo, que utiliza con naturalidade. Non me reprimo e pregúntolle de onde é, de onde trae esa lingua tan súa. «Da Suíza», responde. «Meus pais eran emigrantes. Alí nacín e crieime os primeiros anos, deprendín alemán e francés, logo vin estudar a Madrid e Valladolid. Pero meus pais nunca deixaron de falar galego na casa, comigo e entre eles. Agora están xubilados». Nunca agradeceremos bastante a lealdade e a coherencia das familias que manteñen viva a continuidade da lingua cos seus fillos e as súas fillas, mesmo dende tales distancias. 

A historia lémbrame a Noemi, que tamén naceu na Suíza, neste caso en Xenebra, e que veu estudar Filoloxía a Santiago. Agora desenvolve a súa actividade profesional na capital helvética, integrada nunha das asociacións de emigrantes que aínda seguen activas. Unha gaiteira fantástica. Ou a historia de Susana, en Berna, que vén todos os anos á terra dos seus e organiza un encontro de poesía no Condado de Salvaterra. Ningunha das tres historias é inventada. As tres son certas. Como son certas as dos novos emigrantes na Gran Bretaña, que se comunican entre eles a través das redes sociais e organizan encontros para que os fillos non perdan a lingua, a memoria dos seus. Ou os mociños e mociñas do colexio Apóstol Santiago de Buenos Aires, que o pasado xoves visitaron a Real Academia Galega, como adoitan facer todos os anos, aproveitando a viaxe de fin de curso, antes de ingresar na universidade.

Destes mozos procuro falar sempre nestas mareas. Este ano eran 22, acompañados de dúas profesoras. Rapaces e rapazas netos ou mesmo bisnetos de familias que emigraron a principios do pasado século e van ao colexio para manter o idioma e a identidade, pois ademais de arxentinos queren sentirse galegos, e falan todos unha lingua entrañable, emocionante, deliciosamente aporteñada. A meirande parte nunca estiveran en Galicia, pregúntolles sempre qué é o que máis lles gustou (ou interesou) e o que menos: o que máis, as cidades históricas, principalmente Santiago e o pórtico da Gloria, aínda que non os deixaron dar os croques ao santo e regresan algo frustrados. Desta vez entre eles viña un rapaz italiano, da Calabria, tamén co seu galego propio, deprendido nas aulas que dirixe Carlos Brandeiro na outra extrema do Atlántico. «E a ti, que foi o que máis che gustou?», pregunteille. Chispeábanlle os ollos: «Todo…», contestoume cun sorriso. Outro día haberá que falar das estratexias de integración dos inmigrantes, xentes que veñen de alén e queren ser tamén de nós. Como o pai da marabillosa Najla Shami, que leva no sangue (e no corazón) estirpe galega, arxentina e palestina, e acaba de estrear novo disco. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Galegos que veñen de aló