Irritados

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

19 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pregúntome se durante estes últimos meses vostedes, señores políticos de España, cobraron a súa nómina. Pregúntome se cobraron, mesmo, durante estes anos en que os españois acudiremos a eleccións xerais catro veces. Sentímonos estafados. Son froito da súa egolatría, da carencia absoluta de respecto á súa profesión, tan digna: a política. Convertérona nun mercado persa: todo se compra e todo se vende, sen escrúpulo de ningún tipo. Nunca, insisto, nunca a clase política española voou tan baixo. Dixo Feijoo que se trataba de políticos adolescentes. Non só iso. No seu interior reinan a vaidade, fachenda, o alarde, a arrogancia. A soberbia e a oufanía. Abonda con velos camiñar a calquera de vostedes para saber quen son. Especialmente abonda ver ao primus inter pares da política española: el non camiña, pasea como se os seus pasos sobrevoaran, sen pisala, unha pasarela de modelos de alta costura. Son vostedes a representación absoluta do verdadeiro fracaso: ese do que nunca se aprende. Son nocivos para a sociedade. Síntome vapuleado. En ocasións como esta acudo repetidamente ao allegro da Pequena serenata nocturna, K.525 do trasno Mozart. (...) Xa estou máis calmado. Xa escribo sen ira ou cólera. Só dende o sentido común. E pregunto: ¿Están vostedes capacitados para exercer os seus postos de deputados, senadores, asesores, altos cargos do goberno? Creo que na vida cada un debe coñecer as propias limitacións. Especialmente aquel que está chamado a ser o máis alto representante público e non foi quen de conseguir, nin á dereita nin á esquerda, apoios para a súa investidura. Estamos molestos, acendidos, alporizados. Irritados. Son vostedes unha vergonza para España.