A longa sombra da violencia machista

M.ª Rosa Álvarez Prada AO DÍA

OPINIÓN

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, novamente, compartimos unha dor inmensa como sociedade tras o crime machista de Valga, que deixaba a tres mulleres asasinadas dunha mesma familia e a dous nenos orfos tras presenciar o que nunca deberan ter vivido. Neste crime vimos como se abriu o foco da violencia de xénero, que habitualmente se centra na muller como vítima, para mostrarnos de que maneira o seu impacto é inmenso. Nais, irmás, amizades: vítimas invisibles que só saen á luz cando comparten estes finais tan tráxicos.

En Galicia hai máis de 3.200 mulleres en protección policial por risco de violencia de xénero. Pero hai moitas máis que viven esta situación sen ter posto nunca unha denuncia. Así que o retrato é o dun país no que miles de mulleres, moitas delas cos seus fillos e as súas fillas, viven unha situación de violencia machista cotiá que as afecta como vítimas directas, pero que a súa sombra se estende ata as súas familias, amizades, a contorna laboral… Unha longa sombra que se fai visible nestes asasinatos múltiples que, por outra banda, quedan fóra das estatísticas de violencia de xénero por non ter relación de parella co seu asasino.

Esta dor colectiva da sociedade galega debe servirnos para entender que a violencia de xénero, como forma extrema da desigualdade entre homes e mulleres, é un problema estrutural, e non unha cuestión privada da parella, e cómpre ser atallado como tal. Son asasinatos que se sustentan na superioridade do home sobre a muller, nunha construción social que supón unha gravísima vulneración dos dereitos humanos.

Desde a psicoloxía sabemos ben que as construcións poden deconstruírse, que unha sociedade máis xusta e igualitaria é posible. Sabemos que hai que erradicar as condutas machistas, que chegan a manifestarse de forma extrema nestes asasinatos, pero que se sustentan nas actitudes sexistas que aínda permanecen, nas agresións sexuais, no acoso ou en tantas formas de violencias invisibles contra a muller.

Apostemos pola coeducación dos nenos e as nenas, ensinémoslles unha boa educación afectivo-sexual, transmitámoslles que é preciso aceptar e normalizar as rupturas e poñamos punto e final aos mitos de amor romántico que continúan inspirando traxedias contemporáneas. Só así poderemos gozar dunha vida en liberdade, mulleres e homes, sen continuarmos a sumar minutos de silencio en memoria de quen padeceu a violencia só polo feito de ser muller.