Coalición imposible: anormalidade democrática


A opción dunha coalición no goberno central parece hoxe imposible. As responsabilidades, as culpas e os relatos interésanme menos que o dato espido: despois de cinco meses foi imposible un acordo parlamentario para apoiar un goberno de coalición que sería o primeiro da actual democracia española. Para chamar a atención sobre o anómalo desta imposibilidade insístese en que case todos os actuais gobernos europeos son de coalición, en que as coalicións forman parte da normalidade democrática, en que xa houbo moitos gobernos de coalición nas comunidades autónomas, en que mesmo foi posible o acordo no Congreso dos Deputados para a censura de Rajoy e a súa mudanza na presidencia do goberno. Sendo todo certo non sae da inmediata actualidade. Neste momento en que semella que xa está demostrada a inviabilidade -por parte de todos- dun goberno de coalición, viña ben mirar ao lonxe no tempo para buscar explicacións. A non ser que nos conformemos coa idea máis estendida estes dias: é o factor persoal o que impide a coalición.

Non houbo ningún país europeo que non tivera gobernos de coalición nos últimos corenta anos. Se retrocedemos no tempo, o certo é que dende 1945 os tipos e formas de acordos para gobernar entre varios partidos foron habituais en toda Europa occidental. Tamén o son no centro e leste de Europa ?agás en Polonia e Hungría- despois de 1989. O contraste co Estado español da para máis dunha análise pero polo menos obriga a unha pregunta importante: por que nunca houbo un goberno de coalición no Estado español dende a aprobación da Constitución? Forma parte das virtudes da Transición, é consecuencia do sistema político e a dinámica electoral ou hai outras explicacións. De entrada semella que ninguén ata botara de menos un goberno de coalición, pero a posibilidade de telo agora parece dar unha certa vertixe.

Que a pregunta teña resposta no pasado e non neste inmediato e confuso presente, pode ser unha vantaxe para ver mellor. Aparentemente o último goberno de coalición foi presidido por Negrín en 1937. En realidade tamén o primeiro goberno de Suárez, despois das eleccións de 1977, foi un goberno de coalición non declarado, pois UCD -herdeira da coalición ?de familias políticas- que sostivera os gobernos da Ditadura- non fusionou os partidos que a compoñían ata agosto dese ano, e aínda seguiu a comportarse como coalición ata desaparecer. Precisamente a novidade desta democracia, a falta de cultura de acordo sobre a diversidade ou a sublimación dos líderes como garantía de estabilidade pode que teñan algo que ver co que está a pasar. Unha democracia sobre a herdanza dunha ditadura non é o máis doado de construír. A vontade de imporse fronte á vontade de acordar predomina na maioría dos partidos. Tamén a vontade de aparentar porque en realidade si houbo coalicións ?informais, non gobernamentais- con vascos e cataláns tanto por parte do PSOE como do PP. A democracia parlamentaria é imposible sen coalicións, pero cada sistema ten os seus tabús. O tabú español, estase vendo, é o medo a compartir formal e realmente o poder do goberno do Estado entre mais dun partido. Os outros tabús xa son coñecidos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

Coalición imposible: anormalidade democrática