Barcelona, «Callejón del Gato»


Lendo as novas recentes sobre Barcelona, vénme á memoria o diálogo entre Max Estrella e don Latino. A imaxe que se transmite parece pasada por un dobre espello deformante: a cidade menos independentista de Cataluña é o receptáculo das palabras máis tensas, mentres parece estar acosada polo turismo e a delincuencia.

Nunha viaxe a Barcelona a semana pasada, nunhas datas escollidas para evitar coincidir coa Diada, ía cotexando a Calella sen saída que advirte Ramón Villares, citando a Elliot, nun recente artigo sobre a cuestión catalá na política española, co Mirall trencat, (o Espello roto), de Joaquim Nadal. Ambos son recoñecidas autoridades na historia contemporánea que non se limitan a analizar o pasado, senón que se apoian nel e atrévense a sinalar unha senda para desatascar o conflito. Convén ler as distintas opinións dos que reflexionan seriamente en torno a un tema que leva demasiado tempo crispando a sociedade.

 A política debe ir sempre da man da ponderación, evitando ismos que fomenten posturas radicais en calquera sentido e que logo teñan difícil marcha atrás. Ponderación porque, ante a natureza dilemática das decisións, necesítase ir «pensando por diante» dos acontecementos, compartindo a busca das solucións para impedir que estale o conflito. Penso que no caso catalán se podía ter evitado hai anos. Agora, ao postureo como práctica política non lle interesa buscar saídas, só excitar electoralmente a cidadanía.

Barcelona foi para min, cando estudante, o aire da liberdade, alí puiden saborear ese vento imparable que case me secaba os beizos. Todo cambiou nos últimos anos. A cidade perdeu brío, pero o recuperará a medida que vaia resolvendo as realidades concretas. Non todo é referendable, a cidadanía en abstracto non marca sempre a pauta de traballo, nin é admisible pregarse exclusivamente ao que demanda o propio sector ideolóxico ou electoral. Na política urbana hai que saber dicir que si e que non.

Un dos problemas principais de todas as cidades é o abuso do espazo público. O sobreuso dunha área pode romper a relación social, e o fomento de toda iniciativa que propicie a diversidade pode menoscabar o encontro das semellanzas. Os edís deben estar atentos ao que acontece todos os días do ano, relacionando constantemente unhas cosas con outras, porque senón a situación váiselles das mans.

Barcelona está ben feita e encontreina, coma sempre, habitable e grata. Terán que inventar a burguesía do século XXI, porque aquela da que tanto se falaba desapareceu do mapa, para o bo e para o malo. Unha nova burguesía disposta a repartir a riqueza en aras do equilibrio social e cunha mentalidade integradora. Boto de menos unha capital catalá promotora do pensamento urbano e a cultura, a mestura da memoria co proxecto, do presente co desexo, sen espellos que deformen a súa imaxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Barcelona, «Callejón del Gato»