Como destruír o teatro público

OPINIÓN

10 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No DOG do 30 de agosto publicouse a convocatoria que, baixo unha certa retórica administrativa que escurece a denominación do cargo, está destinada a cubrir o posto de directora ou director do Centro Dramático Galego. Pode que vostedes non lembren que en Galicia temos un teatro público. É normal. Nos últimos anos, esmoreceu vítima dos recortes e dun afogo administrativo que converte o sistema de contratación do seu persoal artístico nunha rareza mundial.

O CDG non naceu hai 35 anos para ser unha sorte de xestora pública de coproducións, nin para facer un simple espectáculo anual de dubidosa calidade, senón que naceu para algo honroso e importante: facer gran teatro en galego, ese teatro capaz de amosar o poder cultural dun pobo. E fixo iso, con maior ou menor corrección, entre 1984 e 2008. Non é unha cuestión de cor política, senón da molestia que supón a algúns cargos da Consellería de Cultura o coidado do sector teatral.

Hai solucións. Apúntolles gratis o camiño: o único teatro nacional do mundo sen un estatuto de funcionamento propio é o CDG; o único teatro nacional que funciona cun orzamento irrisorio é o CDG; o único teatro nacional onde a dirección artística non ten autonomía é o CDG; o único teatro nacional do que renegou a profesión é o CDG; o único teatro nacional sen público é o CDG; o único teatro nacional do mundo que non pode facer teatro é o CDG.