Tempo para ler


Entrevistan na cadena Ser a Pablo Iglesias, profesor de Ciencias Políticas na Universidade Complutense, 40 anos, persoeiro abondo coñecido na oferta política española, e contra o final da conversa o xornalista se interesa pola súa vida persoal, polas prácticas de conciliación familiar e polo tempo dispoñible alén da actividade pública, agora que é pai de tres crianzas. «Segue vostede afeccionado ás series de televisión?, pregunta. «Ten tempo para seguilas?». E o entrevistado responde que si, dá o título da que están empezando a ver agora, el e mais a súa compañeira, e engade: «O que deixei foi a lectura. Recoñezo que xa non teño tanto tempo para os libros». 

Os libros… O editor Francisco Castro publicaba nestas mesmas páxinas a pasada semana un artigo sobre as bibliotecas, espazos públicos para acceder á lectura, e denunciaba a baixa oferta que neste ámbito ofrece Galicia, comparada con outras comunidades españolas, xa non digamos coas medias europeas. Os libros, como termómetro de calidade de vida e mesmo de felicidade, en palabras do editor. Os libros, como factores básicos para o acceso á información e o coñecemento, poderíamos engadir, alén do soporte que se utilice, dixital ou papel.

Mais cunha observación. O sistema e a calidade de bibliotecas escolares en Galicia non é inferior, nin moito menos, á media española, e hai concellos e iniciativas públicas moi valiosas e meritorias. O problema, e así llo comentaba a Castro cando falamos deste tema, non son as bibliotecas, tampouco as librerías. O problema é a caída obxectiva das destrezas e as prácticas de lectura entre a poboación. Tamén entre a poboación nova.

Alguén me dirá, con razón, que hai mozos e mozas extraordinariamente activos neste ámbito, bastantes máis lectores nesas idades dos que había hai trinta ou corenta anos. De acordo. E que a lectura non debe considerarse só no papel, tamén lemos nas pantallas. Mais a deriva das dúas últimas décadas constátase non só en Galicia nin unicamente neste segmento da poboación, senón no conxunto da sociedade occidental: por unha banda, o engado poderoso das novas tecnoloxías, principalmente o audiovisual e o consumo nas redes, cunha oferta de lecer e unha hiperinflación informativa sen precedentes; por outra banda, a dispoñibilidade (ou non dispoñibilidade) de tempo na poboación, ocupada en mil enredos e labores. O día segue a ter 24 horas.

Diante desta realidade, o sistema educativo e as familias non reaccionan, ou non sabemos como reaccionar. A lectura esixe unha destreza, un hábito, unha disposición mental e física que cada vez nos resulta máis estraña, e as estratexias para equilibrar os hábitos semellan cada vez menos eficaces.

A palabra é a base do pensamento, mais as pantallas, os consumos, os estímulos sensoriais mandan. Incluso para un personaxe de referencia como o profesor Pablo Iglesias.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Tempo para ler