As falsas crenzas das notas de corte na Universidade


Desde a Universidade da Coruña (UDC) cremos que, en xeral, cómpre desvincular a elección por parte dos estudantes dunha titulación da nota de corte. Por tanto, gustaríame aclarar algúns supostos amplamente arraigados entre estudantes, profesorado e pais e nais respecto a este tema.

Un deses supostos é o de que as notas de corte son fixadas polas universidades para cada titulación. Isto non é de todo correcto. Cada titulación ten un número determinado de prazas, e a nota de corte corresponde á nota de admisión con que accede o estudante da última praza; daquela, non se pode comparar a nota de corte dunha titulación con 250 prazas con outra de 50, por exemplo. Posiblemente os 50 primeiros alumnos teñan unha nota similar nas distintas titulacións.

Outra crenza amplamente aceptada é que unha nota de corte alta indica unha maior calidade na titulación. Se as prazas ofertadas por unha universidade nunha titulación son menores que as doutra é posible que a nota de corte sexa maior, e iso non ten nada que ver coa calidade da docencia, que depende doutros parámetros, tales como os recursos materiais, as prácticas externas, o profesorado, a satisfacción do alumnado e dos empregadores etc.

Outro suposto é que unha mellor nota de corte implica alta empregabilidade. Tampouco é certo. O Observatorio Ocupacional da Universidade da Coruña acaba de realizar un exhaustivo estudo da inserción laboral e características de emprego dos nosos egresados, cuxos resultados indican que titulacións con nota de corte de 5 alcanzan case pleno emprego, con máis dun 90 % de empregabilidade.

O último suposto amplamente arraigado é que a escolla dunha titulación é unha decisión que marcará o resto da túa vida. Isto, agás algunhas excepcións, non é tampouco de todo certo, xa que existen procedementos que permiten o cambio de titulacións, de forma que cada estudante poida realizar a titulación que mellor se adapta ao seu perfil e ás súas aptitudes.

En resumo, decide cun lema moi sinxelo: «Estuda o que che guste».

Por Margarita Amor López Vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria da UDC

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

As falsas crenzas das notas de corte na Universidade