Italia e España buscan Goberno

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

03 sep 2019 . Actualizado a las 10:13 h.

Italia busca Goberno no Parlamento, España non o atopa e no Reino Unido un novo Goberno pecha o Parlamento. Dirían as nosas avoas: o mundo estavos ben revolto. En Italia acaban de cortarlle o ascenso a un admirador de Benito Mussolini. Fixérono entre o presidente da República, Sergio Mattarella, o actual primeiro ministro, Giuseppe Conte, un partido novo e populista como 5S, un partido clásico herdeiro dos comunistas como o PD e tamén con simpatías europeas e complicidades francesas e alemás. Pode que a memoria do oitenta aniversario do ataque alemán a Polonia co que arrincou a Segunda Guerra Mundial teña algo que ver; o certo é que a democracia italiana moveuse para cortar o ovo da serpe. Europa está batendo marcas de paz dende que hai oito décadas estalaron todos os demoños da guerra xuntos. Porén Serbia, Croacia, Moldavia ou Ucraína teñen as súas guerras aínda quentes. Nin a ONU ni a UE foron fundadas para crear un estado de felicidade ou construír un paraíso: foron concibidas para afastar a pantasma da guerra. Foron a resposta histórica a dúas matanzas sucesivas das que apenas pasaron cen anos.

A reacción italiana destes días merece unha reflexión dende este extremo de Europa. Certo que alí teñen experiencia en formar Gobernos de coalición dende 1945. Seguramente non hai país no mundo que poida competir con eles, pero tamén teñen experiencia en convivir cos herdeiros declarados do fascismo, desde aquel compacto MSI do aristocrático Giorgio Almirante a este populismo de traxe de baño da Liga. Aquí disimulamos as orixes, pero en Italia sábese de onde vén ou a quen se parece todo o mundo. Tampouco é tan difícil saber a quen se parece Salvini: ameaza cunha marcha sobre Roma para o 19 de outubro vindeiro, uns días antes de que se fagan 97 anos da marcha de Mussolini. En Italia non só saben facer Gobernos de coalición; tamén saben cortar camiños de goberno como fixeron co PCI durante a Guerra Fría. E tamén saben convivir. Ao enterro de Almirante ?condenado colaborador do nazismo? acudiron as altas maxistraturas do Estado en 1988, incluídos dirixentes do PCI. El tamén acudira ao enterro de Berlinguer, o creador do eurocomunismo, en 1984. Salvini foi ministro do Interior porque logrou acordo parlamentario e votos para selo. O pluripartidismo italiano ten estas cousas porque aprenderon democracia golpe a golpe, pero sempre sen esquecer ren.

Política pura. O mes que pasou dous políticos pediron todos os poderes; a Salvini negáronllos na complicada pero finísima política italiana, e veremos que acontece con Boris Johnson na desconcertada política británica actual. Mentres, en España non pasa nada porque ninguén parece atreverse a nada. Os medos poden coas propostas. O PSOE non quere gobernar con Podemos nin con ninguén: non sabe como facer un Goberno de coalición ou non imaxina como comportarse tendo que compartir o poder. Podemos non se atreveu a entrar nun Goberno porque por aí non se chega ao ceo, senón só aos sucios despachos do poder, e ademais carece da tradición dos demócratas ex PCI e está lonxe do atrevemento italiano do Movimento 5 Stelle. A l’Spagna manca finezza.