A cultura do lixo


Nunha marea pasada prometín falar do lixo, a cultura do lixo, que é a cultura da superprodución e da opulencia, a cultura do exceso, a cultura (ímola chamar así) que de seguro, se non lle poñemos remedio, acabará estragando o mundo, a nosa civilización. Sospeito que me vai saír unha marea un algo apocalíptica. A ver como a encarreiramos. Lembro que nos primeiros anos 70 do pasado século abriuse un debate importante, iniciado polo Club de Roma, institución non gobernamental que naceu no ano 1968 animada por científicos e políticos preocupados polos problemas do medio ambiente e a superpoboación. Daquela empezaba a manifestarse a preocupación polos custos obxectivos do crecemento económico, que non é exactamente o mesmo que o progreso. Segundo o Club de Roma cumpría establecer con urxencia un modelo de «crecemento cero» para evitar a catástrofe da humanidade, que de seguir así se produciría en poucas décadas.

Fronte ás denuncias do Club de Roma xurdiu por entón a resposta do MIT (Massachusetts Institute of Technology), que argumentaba doutra maneira: todo avance no progreso produce riscos e estragos, danos colaterais diriamos agora, mais a mesma tecnoloxía que alimenta os avances ten capacidade para crear antídotos. Os problemas que xera a tecnoloxía resólvense con máis tecnoloxía.

A proposta do Club de Roma seguramente é inviable: paralizar o crecemento, mais dende o MIT non tiñan en conta a ambición do capital, as razóns poderosas do negocio, a lei implacable do beneficio que todo o asoballa e todo o pospón. Xa mañá arranxaremos o que hoxe quede pendente. E o mañá demora cada día un pouco máis, como quen turra eternamente dunha goma. A contaminación urbana do automóbil e as calefaccións, por exemplo, teñen solucións alternativas ensaiadas dende hai tempo. Pero, quen desmonta o gran tinglado da industria dominante? Certo que para equilibrar esa tensión está a política, mais hai tempo que sabemos que as razóns da política veñen ditadas por outros poderes e outros intereses, alén do ben común da cidadanía.

Hai algúns anos tiven ocasión de mergullar nos fondos da ría de Vigo entre as bateas e algo máis alá. A paisaxe das profundidades é impresionante, non moi diferente das toneladas de lixo que enchen as pendentes do Everest, das que falabamos a outra semana. O río Sar baixa coma unha esterqueira. No Pacífico navegan continentes enteiros de plástico, e os microplásticos xa están nos xeos do Ártico e nas criaturas que os habitan. Non ten máis de cen anos a produción industrial masiva destes produtos e o horizonte, se alguén non lle pon remedio, repito, abofé que non é moi ilusionante. E non falo da outra contaminación, acaso máis grave, complementaria da anterior, non sei se principio ou consecuencia: o lixo que se instala nas consciencias, nos cerebros, nos valores sociais, nos comportamentos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

A cultura do lixo