A política da memoria
Todos os meses de agosto, dende hai oitenta e dous anos, algunhas familias lémbranse dos cabodanos dos primeiros asasinados polos golpistas, axiña convertidos en verdugos. Lembrar é unha forma de reclamar o dereito de descansar en paz que se lles nega dende entón aos fusilados e paseados. As familias lembran para non esquecer. Pero lembran coa incomodidade de quen tivo que agochar durante décadas a matanza dos seus porque os verdugos converteron ás vítimas en culpables. Foi unha das formas de agochar unha matanza sistemática que formaba parte dos plans redactados polo xeneral Mola. Non é nada infrecuente que as familias se refiran aos seus devanceiros executados coa expresión «non fixera nada». Madía leva! Foron os asasinos os que fixeron algo. Eles e elas non fixeran ren, eran deputados ou dirixentes sindicais, alcaldes, gobernadores civís ou contraalmirantes. Converter ás vítimas escollidas para ser liquidadas en culpables dun delito aínda non foi a maior e máis duradeira perversión que poida imaxinarse. Peor aínda é que os verdugos sigan dominando a narración dos feitos que protagonizaron, a razón da matanza, a explicación do que fixeron, convertido no que pasou. Iso que hoxe dun xeito un pouco snob chamamos o relato. Como se a matanza tivera máis razón que non fose a toma dun poder que non lograrían de ningún outro xeito.
Aínda que nestes tempos de memoria recobrada e ata militante non o pareza, os verdugos lograron asentar a vergoña nas familias de moitos asasinados. Tempo e medios tiveron para facelo. Foi por iso que, cando en xullo de 1977 o Parlamento acabado de elixir decretou a amnistía, houbo fillas que a pediron para os seus pais fusilados en agosto de corenta e un anos atrás. O pedimento ao xulgado militar da amnistía para quen fora a terceira autoridade militar de Galicia en exercicio, fusilado mesmo antes dos dous xenerais que o precedían no mando, causou extraordinaria confusión entre auditores e fiscais castrenses, dispostos uns a negarlla ao «excontraalmirante» e outros a concederlla ao «contraalmirante». No que ninguén reparou daquela -hai corenta e dous anos- foi na perversión de que as fillas dos asasinados pediran acollerse a aquela amnistía. Hoxe si podemos velo como unha perversión. As cousas vense diferentes co tempo, cada tempo permite ver cousas diferentes e todo debe intentar explicarse -que non é o mesmo que xustificarse- no seu contexto. Do contrario deitariamos sobre as vítimas e as súas familias a perversión do presente por riba da perversión dos verdugos.
Aínda hoxe o relato dos verdugos segue a lograr confundirnos. Enleados con tantos pazos, vales e estatuas, esquecemos ás veces o máis importante. Fíxose moita política coa memoria, pero moita menos política de memoria. Hai asuntos aparentemente complexos e xudicializados nos que vemos asombrados revivir a forza e vixencia da ditadura, pero hai outros nunca abordados. Mudarlle o nome á radio dos golpistas, por exemplo, é algo que nunca se fixo aínda. Nin se propuxo. Só lembro ao xornalista Miguel Ángel Aguilar reclamalo nestas últimas décadas. Case sempre cando gobernaba a dereita. Pero ben doado sería facer esa mudanza. Auténtica política da memoria.
Comentarios