Indecisións pouco políticas

Xosé Luís Franco Grande SOLEIRA

OPINIÓN

26 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O sainete político que nos están servindo PSOE e Unidas Podemos é debido, para uns, a unha rixidez democrática que impide o non facilita un goberno de coalición; para outros, porque os varios nacionalismos deste país o impiden; para algúns outros, porque os partidos da coalición terían moi diferentes maneiras...

Pero ninguén se refire a que gobernos de coalición hai hoxe máis de vinte en Europa, de tan diferente signo, ou máis, ca os xa indicados, e menos aínda do diferente prestixio dos políticos nosos e os doutros países -incluído Portugal-, feitos de manifesto interese xa que a accións políticas nos estamos referindo. Non é o mesmo contar con políticos de sona internacional que carecer deles por enteiro.

É ben certo que aquí non ten habido experiencia de gobernos de coalición; pero a experiencia acádase experimentando. ¿Ou alguén sabe dalgunha outra maneira de chegar a ela? ¿Por que esta referencia, tan chea de cautela, que merece ser desbotada sen contemplacións por uns e por outros? E, por favor, que non se nos diga que somos diferentes.

Se despois de tantas tirapuxas duns e doutros se chega a un acordo, benvido sexa. Pero moito nos tememos que a actitude dos señores Sánchez e Iglesias se reduza a unha actitude de frivolidade, moi propia dos que chegan a crer na súa boa estrela, e dos que lle aconsellan tendo tamén iso en conta, sen se decataren de que tal cousa non existe na realidade.

E menos aínda na realidade política, sempre cambiante, sempre esvaradía, cando non ventureira. A verdade é que nada nos gustaría menos ca ter razón. Pero, en calquera caso, as indecisións daqueles parécense máis cada vez a unha falta de respecto aos seus votantes e tamén a toda a sociedade. A todos nós. O que di moi pouco ao seu favor.