A festa do encontro

Luís Manuel García Mañá LIÑA ABERTA

OPINIÓN

21 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Convidado pola familia de David Rodríguez Docampo veño de participar na festa do Encontro 2019, que organizan anualmente os veciños da aldea galega de Randín e os barrosáns de Tourém. Nesta última localidade portuguesa estivera desterrado o bispo de Ourense Pedro de Quevedo e Quintano.

Quen chegara a ser presidente da Xunta de Lobeira en 1809 -institución que moito amolou aos imperiais do mariscal Soult- e logo rexente de España en 1810 e deputado en Cádiz (segundo nos contou nunha biografía publicada en 1835 o cóengo don Juan Manuel Bedoya), partiu de Ourense cara o seu desterro ás sete da tarde do día 2 de setembro de 1812. Emprendía a pé o camiño á localidade lusa de Tourém con 77 anos de idade. Mais tiña razóns para escoller este lugar, xa que ata 1881 formou parte da diocese auriense, de xeito que o prelado podía asegurar que se mantiña en territorio da súa xurisdición eclesiástica mentres cumpría o desterro ordenado polas Cortes.

Desde Tourém Pedro de Quevedo e Quintano dirixiu, en 1813, un Manifiesto a la Nación Española, que un cóengo apelidado Martínez se encargou de facer chegar o seu destino. Neste documento explicaba e ratificaba a súa actitude. Hai que dicir que o desterro era consecuencia da postura conservadora do bispo en contraste coas doutros deputados liberais, como era o párroco de San Martín de Valdeorras, Antonio José Ruíz de Padrón, canario de orixe e principal promotor da supresión do Tribunal do Santo Oficio. A tirapuxa sobre a soberanía nacional emanada do pobo, en disputa coa soberanía da monarquía de xénese divina, engraxou a discordancia daqueles representantes, que decidiron expulsar da súa mitra a quen fora antes compañeiro e líder.

Mais o regreso de El Deseado, Fernando VII, tamén alcumado de xeito mais denigrante, determinou que o monarca suspendese o desterro do noso mitrado, despois de restaurar o Antigo Réxime e reprobar a Constitución de Cádiz. Cando anoitecía o día 20 de agosto de 1814, don Pedro incorporábase de novo á sé da súa capital eclesiástica, onde recibiu unha morea de honras, como ser promovido para o Bispado de Sevilla, distinguido coa Gran Cruz de Carlos III e ser elevado á dignidade de cardeal polo papa Pío VII.

Na festa do Encontro deste ano non se falou deste nin doutro episodio histórico. Os sons dunha banda de mozas e mozos enviados pola Cámara de Montalegre encheron de música a paraxe da festa en terras portuguesas, inmediatas ao marco fronteirizo Dos Pesos (marco número 101), e abeiradas polo encoro do Salas. Acredito o bo xantar que preparou Manuela, a muller de David, e a harmonía entre galegos e barrosáns; pero botei de menos a moita xente que debería estar alí, e a outros que viviron tempos escuros a cabalo daquela Raia que dividía a dous pobos irmáns. Os veciños raianos co encontro festivo encargáronse de que se esvaecera a fronteira e que se esquecera -por unhas horas- o abandono que sofren.