Volver á festa. Volver

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

17 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días Galicia está ateigada de festas patronais. E de xente. De turistas, pero tamén de veciños de toda a vida e dos que foron e xa non son. Dos que retornan. Porque as festas da vila, da aldea, da cidade, son moito máis ca iso, as festas dunha localidade. Son as festas da xente. Son de noso. Por iso sempre gusta sentar á mesa coa familia, quedar cos amigos na sesión vermú ou pola noite. Dá un pouco igual que chova e non haxa sol. Porque o que queremos é, sinxelamente, volver.

E a festa é unha desculpa inescusable. Non podemos faltar. Como non imos poder? Claro que podemos! A festa vai ser festa igual sen nós! Ai, non. Igual non. Na casa hannos botar de menos. E nós, se estamos lonxe, ata somos quen de desenvolver un oído supersónico que nos fai escoitar a orquestra ou a banda da vila a centos ou miles de quilómetros de distancia.

A festa é o que nos permite saír de paseo, camiñar, deixar o coche na casa porque está todo cheo e ir amodo, falar, escoitar, saudar, sorrir, apertar... Por un día, ou un par deles, pensamos que o que fixemos foi volver. A andar polos rueiros que memorizamos de nenos, a escoitar ese son que nos di que si, aquel é o noso lugar, a ulir os mesmos aromas... a pegársenos o acento ou variante típica do idioma nesa comarca e emocionarnos. Coa xente, ou coa banda de música da vila.

Volver á festa, en realidade, é volver, sinxelamente. Por iso está asociada á alegría. Que mágoa cando unha festa desaparece. Que marabilla quen a recupera. Veña todos á festa!