Open Arms: carta aberta a Pedro Sánchez

Luís Villares
Luís Villares TRIBUNA

OPINIÓN

OPEN ARMS

14 ago 2019 . Actualizado a las 11:12 h.

Para moitas persoas, entre as que me atopo, resulta incomprensible a actitude do teu goberno, ao igual que a do resto dos países membros da UE, ao poñervos de perfil no caso do Open Arms e as máis de 120 persoas -entre as que se atopan mulleres embarazadas, mulleres que sufriron violacións, mozos enfermos, menores non acompañados...- que levan máis de dez días no Mediterráneo á deriva, sen un porto seguro no que desembarcar e sen que os gobernos comunitarios tomen decisións ao respecto, pois ningún amosou a súa disposición a acollelos voluntariamente.

Ti mesmo, hai un ano, asegurabas nunha nota difundida por Presidencia: «É a nosa obriga axudar a evitar unha catástrofe humanitaria e ofrecer un porto seguro a estas persoas, cumprindo deste xeito coas obrigas do Dereito Internacional», ao asumir o desembarco en Valencia das 630 migrantes rescatadas polo Aquarius. Pasado un ano, falas por boca de Ábalos cuestionando aos que invocan os dereitos humanos para salvar vidas. Que pasou durante estes doce meses? Antes todo valía para salvar unha vida... e agora todo vale para non facelo. A xente que morre afogada non pode agardar pola burocracia duns «consensos europeos» que non chegan porque os que agora gobernades non queredes.

Somos moitos os cidadáns e as cidadás que sentimos vergoña do Goberno español e da Unión Europea por mirar cara a outro lado fronte á infamia humanitaria que estamos a ver cada día no Mediterráneo a causa, digámolo claramente, dunhas guerras e unha miseria xeradas polo noso modo de vida, o da supostamente avanzada civilización occidental.

Levas meses invocando a necesidade dun goberno progresista para o Estado. Cómpre abandonar a palabrería barata orfa de obras. Debes dar a cara polos dereitos humanos, contra o racismo, as desigualdades e o espolio colonial e ecolóxico no que se basea a nosa forma de vivir.

Gustaríame poñercho fácil: se En Marea gobernase a Xunta de Galicia, calquera dos 122 portos de competencia autonómica terían os brazos abertos para acoller o Open Arms. Así, dende este país que tanto sabe de mar garantiriamos o dereito ao refuxio e unha vida digna para todas nunha Europa aberta e solidaria, e ti poderías escusarte en nós diante dos indolentes popes europeos.

Lamentablemente, a día de hoxe non temos esa responsabilidade de goberno, por iso apelo, en nome propio e no de tanta xente ruborizada: que farás? Vas seguir mirando para outro lado mentres o Open Arms deambula de porto en porto por Europa mendigando o dereito á vida que ti, que te dis progresista, lle negas?

Honestamente, Pedro, creo que deberas ser valente politicamente e tomar partido pola vida. Defender os máis débiles fronte ás institucións comunitarias dálle credibilidade a un discurso que se diga progresista e senta as bases para que a cidadanía europea volva crer nun proxecto común baseado na igualdade, a solidariedade e a xustiza social.