Mauthausen, unha dura lección de historia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

13 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Está sendo noticia o recoñecemento oficial, por fin, das vítimas españolas de Mauthausen. Son a parte máis importante dos españois que perderon a vida nos campos de concentración e de exterminio. A distinción entre uns e outros é importante para a necesaria precisión histórica, pero non tanto para os que perderon a vida nuns e noutros. Afeitos como estamos a interpretar os campos de concentración segundo os relatos cinematográficos ou literarios, o asunto parece simplemente obrigado e de xustiza. Pero este tardío recoñecemento obriga a facérmonos algunhas preguntas e comparacións incómodas.

Á pregunta de por que morreron como apátridas en campos de concentración alemáns durante a Segunda Guerra Mundial responden estes días os medios. Eran soldados e rapaces -a quinta parte tiñan menos de 25 anos- que fuxiron a Francia trala derrota da Segunda República en 1939 a mans duns militares golpistas apoiados polo fascismo e o nazismo. Non lograron marchar a América ou Inglaterra e na ocupación alemá de 1940 iniciaron a resistencia apoiados polos aliados. Foron os que non lograron exiliarse fóra do continente e tampouco non pasaron á moi tratada e coñecida historia do exilio republicano español. A súa historia pode ser heroica -serao cando a actual democracia española se atreva a incorporalos ao seu relato-, pero a maioría deles tamén loitaron simplemente pola supervivencia, porque moitas veces non tiñan outro medio de salvar a vida que incorporarse á resistencia, naquela Europa ocupada polo nazismo. A alternativa era seren deportados á España de Falanxe ou convertérense en man de obra escrava.

Eran fuxidos. Así entenderémolo mellor. Eran escapados, guerrilleiros coma moitos outros que non puideron ou non quixeron saír do territorio controlado polos golpistas dende 1936, chámense Trigo, Foucellas, Curuxás, Marcelino ou o Fresco. Failles xustiza Manuel Gago na ficción O exército de fume, pero aquilo foi real. Un deles, Camilo de Dios, por fortuna aínda vive e conta a súa terrible experiencia coma unha dura loita pola vida, sen asomo de heroísmo. Mais quen o escoita só pode velo coma un heroe. Aos 4.427 de Mauthausen matáronos en Alemaña no mesmo tempo e polo mesmo que a moitos outros que morreron ou foron asasinados en España ate que se disolveu a guerrilla por volta de 1950. Este paradoxo obriga a preguntarnos onde está a historia, onde a política, onde a hipocrisía e onde a ignorancia.

Aínda peor, obriga a pensar como é posible que siga tendo tanta vixencia o relato dos verdugos para o que acontece aquén dos Pireneos no mesmo tempo histórico. Recoñecemos a criminal práctica da euxenesia racial dos nazis, pero cústanos máis identificar a parella euxenesia ideolóxica falanxista. Menos sistemática pero máis precoz, menos cinematográfica pero máis duradeira. Aínda estes días puido lerse a un parlamentario neofalanxista xustificando o asasinato das chamadas 13 rosas. Non se trata dunha disputa ideolóxica do presente a conta do pasado, senón de algo que repugnaría a calquera democracia europea que viviu 1945. Aquí só viviron 1936. Sempre queda recorrer ao coñecemento histórico rigoroso, mentres sufrimos a mala política a conta da memoria e seguimos esperando políticas democráticas de memoria.