A oposición ao PP en Galicia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

06 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A oposición ao actual Goberno galego vai ter que dispoñerse se quere ter algunha posibilidade de derrotar os populares nas eleccións do ano que vén, condición imprescindible para formar un goberno diferente. No PP galego víanse virtualmente derrotados despois do último ciclo electoral, pero están afeitos a traballar agonicamente para evitar o desastre ou para lograr vitorias aos puntos. Despois dos resultados das eleccións municipais, da exitosa reconfiguración do PSOE en Galicia, divididas as Mareas e estabilizado o BNG, o panorama opositor non parece ter mudado substancialmente en Galicia respecto do que coñecemos dende o 2009. Iso é o que se desprende dos signos externos e das linguaxes internas dos partidos da oposición. A estas alturas as posibilidades do PP revalidar o goberno da Xunta non parecen ser moitas, pero os agoiros e os acenos da oposición non debuxan unha ameaza seria de veras para o poder social e territorial dos populares galegos.

É certo que o PSdeG ten o vento de cola, recuperou alcaldías, tivo un resultado histórico nas xerais e ten un líder novo e disposto. Parece tan pacificado internamente que nin o forzado desprazamento do liderado lugués da Pontenova a Monforte tivo consecuencias. Pero Feijoo é un grande neutralizador dos éxitos dos competidores. Inmediatos encontros do presidente coa nova alcaldesa da Coruña e os case semanais co novo alcalde de Santiago dan unha idea de normal complementariedade na que sempre gaña o que ten máis poder. Só o alcalde de Vigo segue refractario á estratexia do aloumiño que desprega o dos Peares. Ninguén sae indemne dos cantos de serea de Feijoo. O acordo para a substitución no Valedor do Pobo foi o primeiro acto do recibimento que os populares van dar a Gonzalo Caballero no Parlamento galego e o novo líder xa resultou rabuñado. De entrada os socialistas aparecen pactando con aquel a quen queren derrotar dentro dun ano e son os deputados socialistas quen facilitan aos populares unha saída digna a unha situación enlamada na que eran branco das críticas por razóns éticas, estéticas e políticas.

Para que ese acordo? Se foi para demostrar institucionalidade foi innecesario; para optar a unha vicevaledoría non penso que fose. O que non se pode explicar carece de sentido e, se o único que pode explicalo é Miguel Tellado, daquela foi un erro. O que si amosa neste intre ese pacto é que aos socialistas resúltalles máis doado acordar con aquel a quen teñen que derrotar que cos demais grupos dunha oposición coa que estarán obrigados a acordar se queren un cambio político na Xunta deica un ano. Precisamente no resto da oposición vai estar o outro problema para derrotar o PP. Os recentes gobernos autonómicos son un mosaico de bipartitos, tripartitos e cuatripartitos, de esquerda ou dereita, con apoios puntuais ou coalicións de goberno. Aquí só vemos ao PP no horizonte. Feijoo está presto con todas as armas, artes e medios para desbaratar a oposición. Case feito o traballo coas Mareas, vai polo PSOE. Empeza con cantos de serea e segue con aloumiños para chegar ao abrazo do oso. Se impide representar un goberno alternativo impedirá pensar sequera nun futuro diferente ao PP.