Desconcerto de ocorrencias

OPINIÓN

05 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O desconcerto que nos producen certas ocorrencias dos nosos políticos, ás veces, lévannos a pensar o mal que temos elixido, a dubidar da nosa capacidade ou acerto na elección e tamén a pensar que puxemos o noso destino, o noso porvir, nunhas mans pouco seguras para levar o leme da empresa que é o goberno do país. 

Porque desconcerto ten que producir a ocorrencia do señor Sánchez de consultar á sociedade civil para seguir as negociacións con outras opcións políticas, suxerindo que para procurar o aval da mesma: a sociedade civil nada ten que ver cunha investidura, nada ten que dicir e menos aínda nada que avalar. As negociacións que debe facer o candidato, e que non fixo, e todo indica que vai seguir sen facer, son alleas a todo o proceso e pouco ou nada poden supoñer para as demais forzas políticas.

Un desconcértase, porque coidaba que o único aval que tiña o señor Sánchez, e que teñen todos os demais que interveñan nas negociacións para a investidura, eran os votos conseguidos nas recentes eleccións. Un ten que pensar como Tennyson que aquí «Someone had glundered», que alguén se trabucou ou perdeu o rumbo.

«Que finalidade -que idea- agocha nesta ocorrencia do candidato?, pregúntanse algúns. Moito nos tememos que a iso se reduza a proposta, a unha ocorrencia. Unha ocorrencia de tan escaso contido que moi ben sexa un elemento máis de discordia e leve ás negociacións máis embrullo e menos claridade.

Con estas e outras ocorrencias é cousa lóxica que xustamente a sociedade civil teña tan pouca fe nos nosos políticos, que nin saben negociar, nin sequera administrar con acerto os votos que dela recibiron e que levan unha mensaxe ben clara a prol da negociación. E aínda se ofenden cando esa sociedade di que non a representan.