Santi, Cayetana e Pedro en Woodstock

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

04 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días cúmprense 50 anos do mítico concerto de Woodstock. Eu tiña dous, así que non me deixaron ir. Ademais vivía en Vigo e o réxime de 1969 non estaba para permitir moitas concentracións de mocidade e música deses estilos. Nas listas de éxitos daquel ano estaban Karina con Las flechas del amor, Salomé con Vivo cantando e Georgie Dann co máis soviético que o franquismo podía tolerar, o Casatschok. Todo moi branco, decente e ordenado. Mentres, en Woodstock, case que medio millón de rapazas e rapaces exercían o pensamento e o amor libre sobre a lama do chan, despelotábanse sen vergonza, convivían en fraterna liberdade e, sobre todo, soñaban cun mundo mellor. Unha educación alternativa. Un novo marco de relacións entre as persoas máis aló do posibilismo capitalista que todo o reduce a mercado.

 Non son inxenuo e xa sei que o mundo non pode funcionar só con paz e amor, pelos longos e flores no pelo. Pero tamén sei que non nos viría nada mal recuperarmos algo daquel espírito, quizais algo mitificado, da rapazada dos anos 60. Plantexamentos que contemplaban a posibilidade da utopía, da transformación social, unha fonda crenza de que había outros mundos posibles. Ou o que é o mesmo, que había Historia, así, con maiúsculas. E que a xente podía escribir esa Historia. O seu Destino.

Imaxinen vostedes a Abascal, a Cayetana Álvarez de Toledo (que ademais é marquesa, algo tan afastado do populacho que acode a esta clase de concertos) ou ao propio Sánchez, tan traxeado, tan pulcro e sen engurras, capaz de quedar ben con todo o mundo, naquel Woodstock de 1969. Non entenderían nada e, sobre todo, ninguén os entendería a eles. Porque aquel concerto materializaba o pensamento colectivo de que, como cantaba Lennon, se o amor nos guiaba, as cousas cambiaban, que se educabamos diferente, as cousas cambiaban, que se compartiamos, as cousas cambiaban. E creo que estes non teñen nada diso na cabeza.

En Woodstock houbo rapazas que deron a luz. Está documentado en testemuños e imaxes. Alí, detrás do escenario. Onde cadrase, mentres Janis desgarraba o ceo ou Joe Cocker rabuñaba notas imposibles. Non quero imaxinar, pois sería insoportable, a eses alí nacidos hoxe traballando en Wall Street, especulando cos prezos das materias primas, ou na Comisión Europea, redactando leis contra a inmigración ou, por exemplo, prohibindo concertos de cantautores en Madrid. Prefiro o meu recordo almibarado e libertario. Ese é máis de verdade.