Churrasco


Un mercado da carne. Iso é. Por iso se imitan tanto as siluetas das vacas nas parrilladas e eses carteis de neon que iluminan a estrada amosando dous cus de mulleres batendo un co outro con certo rebote de percusión. Cachas loucas. Raposeira. Gran rancho. Cos seus camións á porta e eses nomes que parecen saídos do matadoiro poderían servir churrasco. Dan ganas de meterlles no peto un frasquiño con chimichurri (churri!) para que o acariñen, de paso que fregan a entreperna coa man que lles queda despois de soster na comisura dos labios o escarvadentes preceptivo para acceder ao puticlub. Era cuestión de tempo que alguén dese coa cuadratura do círculo: no Montparnasse de Meis, rapazas coas tetas ao ar dan churrasco gratis aos puteiros nunha versión galaica do nyotaimori, iso de que o corpo espido dunha muller faga de recipiente en que papar nigiris e makis a tutiplén. O xaponés é unha lingua capaz de sofisticar as babosadas gastronómicas, pero o galego non precisa iso. Nós imos ao que hai, de xeito directo e sinxelo, coma os bos slogans: churrasco e mulleres, rica carne para usar, dixerir e defecar. Ideal para o sinxelo puteiro das Rías Baixas, non só ese tan enxebre que medrou ao abeiro da fariña, os filispíns e os fardos de cartos na praia, senón esoutro que se conforma con puír os aforros para agosto en bonitas perversións de novo rico, co toque francés que cre a quintaesencia da pornografía, esa Nouvelle Vague para pailanciños con cadea de ouro ao pescozo e selo no dedo maimiño. A eses o churrasco sábelles mellor cando o único motivo para que non llelo vomiten enriba é que pagan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Churrasco