O chiringuito de España

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

30 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É todo sinxelo, pechan o chiringuito e marchan de vacacións. Que de quen falo? Dos políticos. Non chegaron a acordo ningún, non temos Goberno no país e... vanse de vacacións. Co soldo pagado, claro. Porque o merecen.

Eu tamén quero vacacións. Son autónoma. Levo todo o ano sen poñerme enferma (ou o que é o mesmo, ir traballar con febre, sen voz e sen durmir e tamén cos mocos tapando cada poro do cerebro) e quero vacacións. Para organizar ese monte de cousas que leva meses facendo equilibrios nunha montaña que se chama «pendente». O nome venlle por costenta e por inacabada.

Así que quero vacacións para traballar. Si, tamén para descansar, desta política que se basea en criticar ao de enfronte e botar flores ao equipo propio. Tamén quero tempo para poder pechar os ollos e escoitar o silencio, porque xa non sei se existe. Hai ruído na casa, na rúa, nas redes sociais. Moito boureo. Moita palabra, moita crítica, moito ego. Vaia, que preciso desconectar do mundo en xeral.

Crin que era o momento de dar unha lección ao mundo e dicir: señores, somos civilizados, imos facer as cousas ben. Deixaremos os egos e tan só consideraremos traballar polo país. Porque vostedes son a nosa obriga, e só queremos que o país avance a bo ritmo.

Pois non, non é así. Cada día novos enfrontamentos dialécticos, leas, pelexas co de enfronte e na mesma formación. Que ti dixeches, que eu digo, que iso era antes, que agora non vale, que mira ti...

Igual é boa idea que os políticos collan vacacións, pero disto, de tanta laretada. Así poderían poñerse a traballar, que boa falta fai. España non é un chiringuito.