Bandas, bandos e coalicións

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

30 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O que está pasando en España merece ser pensado historicamente. Por un lado, a reiterada incapacidade da esquerda estatal para acordar un Goberno central de coalición. Por outro, a facilidade de entenderse das tres dereitas pese ás súas distancias, moito máis evidentes observadas a escala europea. E tamén a capacidade para pactar entre a esquerda estatal e os nacionalistas cataláns, galegos ou vascos, pese a todas as críticas e os atrancos contra eses pactos, cun último e revelador episodio en Navarra. Estas tres lóxicas de acordos posibles e imposibles responden a razóns moito menos conxunturais do que aparentan.

A variable esquerda e dereita aséntase na diferenza entre aristócratas (tories) e plebeos (whigs) cando o parlamentarismo moderno foi inventado na Corte inglesa, por moito que o nome proceda da Revolución francesa un século despois. Agás cando os fascismos dos anos trinta quixeron superala e os soviéticos a eliminaron, a diferenza esquerda-dereita estableceu os bandos políticos no mundo contemporáneo. No Estado español definiuse coa radical distinción entre liberais e absolutistas nas Cortes de Cádiz, prolongada coma un furuncho pola oposición armada dos carlistas en catro guerras civís ao longo dun século. No liberalismo parlamentario español, carlistas á parte -unha banda, esta si, sempre presente-, recreáronse as dialécticas dereita-esquerda entre moderados e progresistas, monárquicos e republicanos, co engarce entre estes últimos dunha esquerda socialista e operaria electoralmente moi débil ata 1918.

O que non houbo no caso español foi ningunha guerra, despois de 1808, que obrigase a superar as diferenzas esquerda-dereita cun obxectivo patriótico. E nótase. A cara da ausencia do Estado español nas dúas guerras mundiais do século XX tivo como cruz outra guerra civil máis, que proxectada ata hoxe estableceu unha escisión histórica entre golpistas e antigolpistas, demócratas exiliados e acomodados á ditadura, franquistas e antifranquistas. Explicouno moi ben Manuel Valls por pasiva, cando dixo que «España non tivo un 1945 pero tivo un 1936», cunha clara conciencia europea antifascista pero demostrando que non entendeu -a diferenza do seu excorrelixionario De Quinto- como se constrúen historicamente os bandos na política española.

Para superar a fractura franquismo-antifranquismo, que actúa por debaixo da esquerda-dereita, nas últimas décadas tentouse establecer un bando constitucionalista (partidos estatais) fronte a outro supostamente anticonstitucional (partidos territoriais). Usouse como argumento a experiencia de Euskadi contra ETA, pero confundindo a memoria da liberal Restauración cos bandos armados de carlistas e isabelinos, nun desafortunado uso do pasado que esquecía a ditadura. Os pactos destes días demostran que a escisión franquismo-antifranquismo segue sendo decisiva porque socialistas, peneuvistas, republicanos e mesmo Bildu comparten esa historia. A reiterada frustración dun pacto PSOE-Podemos evidencia por contra como resiste a recente fractura cortesá e restauracionista entre constitucionalistas e non constitucionalistas; tamén que Podemos non ocupa lugar na historia.