Aniversario na Galicia porteña


Van corenta anos, o 25 de xullo de 1979 exactamente. Daquela creouse o Centro Galicia de Buenos Aires, confluencia dos centros coruñés, lugués, ourensán e pontevedrés, que a partir desa data conformaron una entidade única. Un vello proxecto que xa en vida animara Castelao, mais que tardou en concretarse, en parte polos lexítimos sentimentos que naquela época espertaban entre os emigrantes as organización provinciais, incluso as locais e parroquiais, algunhas especialmente activas, como o Centro Ourensán, moi comprometidas coa cultura, a asistencia e o servizo aos socios, e en parte polas liortas e retesías que entre nós sempre xorden, antes e agora, dentro e fóra do país, con medos e desconfianzas, celos e desencontros.

Mais a concentración logrouse. Van corenta anos dende entón, e o Centro Galicia é hoxe o referente máis activo da colectividade galega na capital arxentina, con instalacións modernas, servizos renovados, un capital de socios importante (máis de 10.000) e instalacións deportivas e de lecer na periferia da gran cidade, en Olivos, xusto fronte á residencia da Presidencia da República, que son envexa das institucións arxentinas e dende as que dan servizo mesmo a equipos e asociacións deportivas (incluída nalgún momento a selección nacional de baloncesto).

Dito todo o anterior, eu sempre insisto en que o máis importante non é dar o primeiro paso (en sendo moi importante), o máis importante non é lanzar ou mesmo instaurar a primeira idea, senón que o verdadeiramente meritorio é a continuidade: que a idea primeira afinque, dea froitos, medre e se espalle. Pasada a novidade, celebradas as primeiras fotos, é moi común a rutina, mesmo o desmerecemento e non valoración do que se fixo ou do que se leva feito, o desánimo do que se repite e perde ilusión. Pasa o día e pasa a romaría.

Non é o caso. Nestas catro décadas o Centro Galicia non só medrou, senón que fortaleceu as súas ofertas, as súas atencións e mesmo os compromisos coa cultura galega e a colectividade. A creación en marzo de 1998 do Instituto Arxentino-Galego Apóstol Santiago, con case 700 alumnos que reciben ensino regulamentar semellante aos currículos educativos de Galicia, con clases de lingua, historia, literatura e cultura galegas, é un exemplo impresionante que unha vez máis cómpre salientar. Dá xenio escoitar rapaciños e rapaciñas de poucos anos falar galego naqueles lares, mesmo os que non son de familias galegas, pero que acoden a estudar no centro. Sementeira de futuro.

Cada ano unha representación do citado centro, antes de iniciar os seus estudos universitarios, visita Galicia e aquí os recibimos, admirados do seu galego porteño, esa variante emocional que os nosos lingüistas van ter que empezar a considerar seriamente como variante dialectal. A Galicia de alén mar está viva. Parabéns aos que a fan posible.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Aniversario na Galicia porteña