Asociacionismo e esperanza

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

26 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A comisión conseguiu xuntar os cartos para facer a festa que querían. Recolléronos porta a porta, anotando a contribución de cada veciño; coma fixeran as comisións pasadas. Durante meses pensaron en cal sería o mellor xeito de facer feliz a todo o mundo. «Hai que traer algo para os cativos», «e unha charanga para animar polas rúas», «e gaiteiros para a alborada», e o máis importante, «hai que traer unha desas orquestras». Desas que son todo espectáculo, con camións tan grandes que ás veces hai que tirar algún muro centenario para poder pasar ao campo da festa; desas que custan máis que dez concertos de artistas locais xuntos, e que moven a milleiros de persoas para bailar temas alleos e orixinais regados cunha monumental permisividade cara á inxestión de alcol e aos diferentes xeitos de perpetuar o sexismo coas letras do reguetón.

Os veciños asociáronse, uníronse e contribuíron para que a aldea revivise. Acolleron o xentío e celebraron a ilusión dun pobo cheo e pletórico que sabe como desfrutar da vida e do tempo.

Ás veces imaxino que pasaría se ese esforzo comunitario das comisións de festas fora adicado a causas non lúdicas, coma unha comisión para a vellez, ou unha comisión para rexuvenecer o rural, ou para a erradicación da pobreza na aldea.

Pois non podemos esquecer que, históricamente, a filantropía e o asociacionismo foron as bases do noso progreso. Asociámonos para o que nos convén. Unímonos e contribuímos cando o consideramos necesario e asumimos responsabilidades cando as institucións non o fan. Nós, a sociedade, somos a esperanza da nosa matria.

Que estamos a facer para reorganizar as prioridades dunha comunidade esquecida?