Das moitas cousas absurdas que se dixeron durante os días da investidura hai unha que destaca por enriba das demais, polo que ten de vergoñento e desprezable. Refírome ao concelleiro e voceiro do PP en Barajas de Melo (Cuenca), Jesús López, quen puxo no seu Twitter a canda unha foto de Irene Montero o seguinte arrouto: «Espero que si esta tipa es vicepresidente del Gobierno de España se afeite los pelos del sobaco cuando nos represente».
Non direi nada do feito de que diga vicepresidente no canto de vicepresidenta, que xa é grave. Ou de que use o verbo afeitar en troques de depilar, que sería máis propio. É moito máis importante destacar que se refire a ela como tipa. Entran ganas de trousar a comida toda, pero podía ser peor: podía terlle chamado porca ou esa cousa de catro letras que por decoro non escribo aquí. Témolo lido por aí, esas perlas. E, que curioso, os que tales cousas escriben, adoitan ser, sempre, homes. Homes con traxe. Homes con pelos no sobaco.
Jesús López preséntase no Twitter como banqueiro privado, analista financeiro, empresario, candidato á alcaldía e concelleiro e voceiro dese concello que lles dixen. Como ven, todas profesións ou actividades que calquera persoa normal consideraría decentes. Entendemos que será bo, malo ou regular facendo as súas cousas. Mais non entenderiamos que ninguén fixese un comentario dubidando das súas capacidades por, por exemplo, ir un día mal afeitado por iso das présas. Non aceptariamos que se lle xulgase por máis ou menos uns pelos.
O grave é que este home que cobra un soldo público (tamén de mulleres sen depilar os sobacos ou a parte da súa anatomía que lles veña en gana) representa, no fondo, a milleiros de homes e mulleres (si, tamén mulleres; a fin de contas, a todas e a todos nos educan na mesma idea idiota sobre o que debe ser a beleza e o decoro feminino) que pensan exactamente o mesmo ca el. Que o que importa é que as mulleres vaian depiladas, que usen suxeitador non vaia ser que se bote a chover, como lle pasou a Melania... cousas así. Iso é o grave. E a demostración de que dende Atapuerca tampouco melloramos tanto.
Eu, home con sobacos moi peludos, espero que entre todas e todos consigamos depilar (el diría afeitar) políticos sen pelos na lingua que nunca deberían falar nin dos pelos dunha muller nin de nada de todas esas cousas que xa coidabamos superadas hai moito tempo. Rasuralos da vida pública, vamos.