Que coalición queren PSOE e Podemos?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

23 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

PSOE, ningunha. Nunca necesitou un goberno de coalición e querería xerar as condicións para non necesitalo desta volta tampouco. Se Rajoy puido gobernar, Sánchez tamén. En tres meses non houbo negociación para o acordo senón unha sucesión de movementos tácticos -principalmente en forma de mensaxes públicos- na busca dunha fórmula capaz de evitar un goberno de coalición. A estratexia baseouse no desgaste dos posibles socios e o control do tempo, presentando como ameaza críbel un posible goberno das tres dereitas mentres víamos como Casado, Rivera e Abascal ían constituíndo gobernos municipais e autonómicos. Hai moitas razóns detrás desta estratexia do PSOE. A vontade de hexemonía política é a máis obvia, pero hai outras dúas que son resultado da experiencia histórica deste Partido Socialista e que explican o seu comportamento neste momento: a vertixe de xestionar o primeiro goberno de coalición dende 1937 e a experiencia na relación coa súa esquerda dende 1977.

O peso do pasado constrúe actitudes conservadoras. O seu coñecemento, actitudes liberadoras. O bipartidismo imperfecto da Transición sempre evitou os gobernos de coalición. Todo empezou cunha minoría maioritaria de 160 deputados coa que Suárez tivo que fraguar o consenso -e o desgaste- bipartidista. Resulta transgresor para uns e perigoso para outros rachar esa práctica. Dá medo. Aceptar o pasado como carga que impide cambiar é o contrario de usar a historia como coñecemento para librarnos desas cargas, adaptarse ás condicións cambiantes do presente e mellorar a herdanza recibida. O PSOE non se atreve a facer -está a demostralo- o que farían na súa mesma situación as tres dereitas. Dá para pensar.

Non é menos importante a capacidade do PSOE de deglutir nos últimos corenta anos case toda a extrema esquerda antifranquista, case todo o Partido Comunista, máis Comisións Obreiras. Unha experiencia que construíu pautas e definiu comportamentos que poden apreciarse nas lóxicas desta negociación. Un hábito convertido en tradición. Nesta democracia os socialistas viñeron incorporando o mellor -case sempre- dos cadros políticos do resto da esquerda. O primeiro debeu ser Abel Caballero, nun ministerio, e o último Luís García Montero, no Instituto Cervantes. Polo medio tantos e tantos dirixentes que van de Eduardo Mangada a Rosa Aguilar. Ofrecer ministerios para independentes da órbita de Podemos ou incorporar postos por debaixo de ministro responde a esa lóxica.

Podemos tamén negociou nunha lóxica antiga. Nunca contemplou non estar no goberno -o que podería terlle vantaxes- porque dun xeito case agónico parece fiar o seu futuro político e ter ministros. Empeñouse en definir o tipo de goberno antes de negociar programa e quixo converterse -infrutuosamente- na única garantía dun goberno de esquerdas. Todo tan vello que substituíndo goberno de coalición por goberno de concentración non podemos deixar de lembrar a Santiago Carrillo. Ao cabo a táctica do PSOE errou na personalización. Iglesias -coa agudeza de Carrillo- saíu do medio. Que dirán agora os negociadores socialistas? Menos relato e máis política serían de agradecer.