Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Feminismo e socialismo, un camiño á igualdade

Carmela Silva PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

OPINIÓN

21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Partido Socialista sempre recoñeceu o movemento feminista como o grande impulsor dos dereitos de igualdade das mulleres. Nomes como Simone de Beauvoir, Clara Zetkin, Emmeline Pankhurst ou Virginia Woolf foron e son as nosas referentes e fontes das que bebemos. Xunto a estes nomes, tamén foron e son referentes para nós os daqueles movementos que tanto teñen loitado polos dereitos da metade da poboación, como as sufraxistas, que hai xa máis de cen anos reclamaban o dereito ao voto, ou as tres ondas feministas e a cuarta que vivimos na actualidade.

 

Agora, é moi certo que en España foi sempre o PSOE o que promoveu leis para a defensa das mulleres. Ningún outro partido ten aprobado normas para dar pasos adiante no camiño da igualdade. Foi o Partido Popular quen presentou un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Igualdade. E foi o PP quen se opuxo sempre á política de cotas que permite que hoxe as mulleres ocupemos espazos no ámbito da política: temos pasado de ningunha muller no Goberno de Adolfo Suárez da primeira lexislatura a ter once ministras no Goberno de Pedro Sánchez, e de ser o 6 % no Parlamento da primeira lexislatura ao 47 % na actual.

Carmen Calvo formulou esta reflexión nun momento de moita inquietude para as mulleres. Un momento no que aparecen partidos políticos como Vox que negan a fenda salarial, que esixen os datos das persoas que traballan contra a violencia de xénero, que piden que se derrogue a lei, que din verdadeiras barbaridades sobre as mulleres. Frases como «O feminismo quérenos oprimir», «leis totalitarias de ideoloxía de xénero» ou «este totalitarismo contra os piropos» foron pronunciadas por Santiago Abascal. Tamén outras como «Contra a violencia, tolerancia cero. Sempre? Non, home, non, depende de quen sexa o violento. As feminazis psicópatas de xénero non contan» por Francisco Serrano.