Debate: Os logros do feminismo foron grazas á esquerda como dixo a ministra Carmen Calvo?

Susana López, do PP e Secretaria xeral de Igualdade e Carmela Silva, do PSOE e presidenta da Deputación de Pontevedra, responden en senllos artigos á pregunta: Os logros do feminismo foron grazas á esquerda como dixo a ministra Carmen Calvo?

 A ministra Carmen Calvo dixo: «El feminismo es de todas; no, bonita, nos lo hemos currado en la genealogía del pensamiento progresista, del pensamiento socialista». Comenzou así unha discusión na sociedades. La Voz presenta duas opinións políticas sobre o tema.


Feminismo e socialismo, un camiño á igualdade

O Partido Socialista sempre recoñeceu o movemento feminista como o grande impulsor dos dereitos de igualdade das mulleres. Nomes como Simone de Beauvoir, Clara Zetkin, Emmeline Pankhurst ou Virginia Woolf foron e son as nosas referentes e fontes das que bebemos. Xunto a estes nomes, tamén foron e son referentes para nós os daqueles movementos que tanto teñen loitado polos dereitos da metade da poboación, como as sufraxistas, que hai xa máis de cen anos reclamaban o dereito ao voto, ou as tres ondas feministas e a cuarta que vivimos na actualidade.

 

Agora, é moi certo que en España foi sempre o PSOE o que promoveu leis para a defensa das mulleres. Ningún outro partido ten aprobado normas para dar pasos adiante no camiño da igualdade. Foi o Partido Popular quen presentou un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Igualdade. E foi o PP quen se opuxo sempre á política de cotas que permite que hoxe as mulleres ocupemos espazos no ámbito da política: temos pasado de ningunha muller no Goberno de Adolfo Suárez da primeira lexislatura a ter once ministras no Goberno de Pedro Sánchez, e de ser o 6 % no Parlamento da primeira lexislatura ao 47 % na actual.

Carmen Calvo formulou esta reflexión nun momento de moita inquietude para as mulleres. Un momento no que aparecen partidos políticos como Vox que negan a fenda salarial, que esixen os datos das persoas que traballan contra a violencia de xénero, que piden que se derrogue a lei, que din verdadeiras barbaridades sobre as mulleres. Frases como «O feminismo quérenos oprimir», «leis totalitarias de ideoloxía de xénero» ou «este totalitarismo contra os piropos» foron pronunciadas por Santiago Abascal. Tamén outras como «Contra a violencia, tolerancia cero. Sempre? Non, home, non, depende de quen sexa o violento. As feminazis psicópatas de xénero non contan» por Francisco Serrano.

Non esquecemos que podémolas atopar tamén entre dirixentes do PP, como «Á muller e ao papel ata o cu se debe ver» ou «As leis son como as mulleres, están para violalas». Ata ao propio presidente Feijoo lle fixo unha mala xogada o subconsciente cando dixo aquilo de que Ana Pontón estaba «moi necesitada». Vemos, polo tanto, que o PP cando goberna con Vox branquea este discurso en contra dos dereitos das mulleres. E é a iso ao que se refería Carmen Calvo, a que non se pode dicir que se defende a igualdade cando se permiten, branquean e en moitos casos se comparten este tipo de discursos.

Certamente a igualdade non é patrimonio de ningún partido político, pero é verdade que hai algúns partidos que poden dicir con moito orgullo que se fixeron eco, que foron pioneiros e que defenderon coma ninguén os dereitos das mulleres da man do movemento feminista. E o movemento feminista ten tamén moi claro quen non son as súas compañeiras e compañeiros de viaxe. Ten moi claro que, dende logo, o PP, Ciudadanos e Vox non o son. O PSOE si.

Autor Carmela Silva Presidenta da Deputación de Pontevedra

O feminismo, bonita, é de todas e todos

Parece ser que non todas as mulleres cabemos no feminismo. Semella que non basta con loitar contra as desigualdades, con reclamar unha sociedade máis xusta, con facer fronte aos agresores. Agora, parece ser, para ser feminista hai que ter un carné do PSOE. Unha novidade da que seguro non estaban ao tanto as sufraxistas que se bateron por darnos voz; as primeiras novelistas que tiñan que escribir con pseudónimo e as que empezaron escribir con nome propio; ou as primeiras activistas que deron en chamar á violencia de xénero e aos agresores polo seu nome. Podo poñer a man no lume e non queimarme ao asegurar que moitas delas non tiñan o seu carné na carteira, señora Calvo.

É un erro enorme -ou algo máis que iso- atribuírse a loita de moitas coma se fose mérito dun partido. Creo que a estas alturas ninguén debería dubidar, e menos unha muller, da independencia e autonomía das que decidiron dar un paso adiante. Asumir que só o fixeron algunhas, e que ademais o fixeron só porque así viña nas liñas ideolóxicas dun ou doutro partido, é un insulto á súa independencia. En definitiva, non é máis que unha mostra de condescendencia absoluta apropiarse dos sacrificios das mulleres que quixeron que todas nós -con carné ou sen el, da cor que sexa- tivésemos as mesmas oportunidades.

A manifestación do 8M, na que destacadas socialistas, con vostede á cabeza, vicepresidenta, atacaron ás mulleres que non eran da súa ideoloxía política, foi un mal presaxio. E o que acabamos de vivir non fai máis que confirmar o que é un feito: quérense apropiar en exclusiva do feminismo, excluír os demais e tentar sacar réditos políticos dun xeito partidista e electoralista. Non lles interesa unha sociedade máis igualitaria entre homes e mulleres, interésalles que o PSOE gañe votos a conta da loita das mulleres. Caeulles a careta.

O feminismo, vicepresidenta, é de todas e de todos. Non é excluínte, non ten dono, porque as mulleres bravas que o empezaron estaban fartas das cadeas. O feminismo é das traballadoras, da que cobra menos que o seu compañeiro e da que rompeu o teito de cristal; da nai que reclama conciliación e corresponsabilidade para poder manter a súa carreira en igualdade de condicións que calquera home; das deportistas que rachan cos estereotipos; das mozas que saíron e saen á rúa para pedir unha sociedade máis xusta. Pouco importa o seu carné, a súa cor política. No feminismo cabemos todas e todos, e necesita de todas e todos.

Levamos moito tempo tentando facer entender, mesmo a quen non quere facelo, que o feminismo busca unha sociedade igualitaria, mellor para todos. Acumulamos moito esforzo ás nosas costas para agora botalo a perder, para -en pleno século XXI- volver poñerlle dono ás mulleres e á súa loita. As mulleres non necesitamos que nos dean permiso para ser o que queiramos ser. Porque somos donas de nós e porque levamos moito tempo tentando construír -e enfrontándonos con quen se resiste- unha sociedade de homes e mulleres feministas. Somos feministas con todas as letras, señora Calvo, pero baixo ningunha sigla.

Autor Susana López Abella Secretaria xeral de Igualdade
Votación
10 votos
Comentarios

Debate: Os logros do feminismo foron grazas á esquerda como dixo a ministra Carmen Calvo?