E adianto un acordo atinxido entre a RAGC e o Parlamento de Galicia polo que os académicos se brindan a asesorar os parlamentarios en temas de ciencia e tecnoloxía, tratando así de contribuír á mellor toma de decisións políticas. Proximamente darase cumprida información pública sobre este acordo. Asemade temos cursado este ofrecemento a outras institucións da Administración pública galega. A RAGC vaise renovando progresivamente (18 dos 33 actuais académicos incorporámonos nos últimos 5 anos) e, asemade, este ano proporanse «académicos correspondentes» nas cinco seccións da RAGC, tratando de ampliar perfís de ámbitos de coñecemento e procurando incrementar a nosa (limitada) capacidade de acción.
O traballo da RAGC non sería posible sen o apoio externo de moitas entidades, tanto públicas como privadas. Neste sentido, permítome agradecer a colaboración da Axencia Galega de Innovación, do Consello da Cultura Galega, da Secretaría Xeral de Universidades, da Universidade de Santiago, das deputacións de Lugo e A Coruña, das fundacións Barrié e La Caixa e da Confederación de Empresarios de Galicia. Seguiremos traballando para ampliarmos a nosa rede de colaboradores e potenciar novas actividades pola ciencia e a tecnoloxía galega. Tan convencidos estamos de que somos útiles para atinxir unha sociedade máis culta e lograr a través da ciencia e a tecnoloxía un maior e mellor progreso social e económico como de que debemos ser moitos traballando acotío neste cometido. Nós faremos a nosa parte!