Galicia come ben e quere gañar máis

Marta Fernández Vázquez DECOTÍO

OPINIÓN

18 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia consolídase como un destino turístico no que a gastronomía constitúe un valor diferencial e intervén na definición do produto. Estanse a acadar máximos históricos no número de visitantes, motivados fundamentalmente pola nosa natureza, paisaxe, cultura e gastronomía. Este é o contexto que define o noso comportamento como destino e xustifica o peso que está a adquirir a gastronomía na estratexia turística. Un feito non illado ao que se engade o incremento da notoriedade da gastronomía a nivel internacional. A cociña é a protagonista indiscutible. E en Galicia constitúe un dos principais escaparates da nosa cultura, concede voz a outros sectores como o produtivo e é fundamental na promoción turística da nosa comunidade. Das tradicionais casas de comidas temos pasado a novos modelos como os restaurantes gastronómicos ou os gastrobares. Galicia dispón agora de novas xeracións de cociñeiros e cociñeiras que están a mudar a oferta hostaleira e, con ela, a carta de presentación da nosa terra cara ao visitante.

Falamos de cociña, un fenómeno social. Non obstante, non é certo que cando visitamos un restaurante agardamos unha experiencia completa? A oferta gastronómica é moi importante, pero tamén a atención que recibimos, o clima que percibimos na sala do restaurante, así como o detalle do menú e dos produtos que nos traslada o persoal de servizo. Son entón a cociña e a sala os dous piares básicos do negocio.

Como podemos valorar o momento actual? Atopámonos nunha etapa de crecemento da oferta hostaleira, en número e calidade. Todo isto debido a unha demanda crecente. A profesionalización do sector demanda persoal capacitado, con novos modelos de negocio que esixen ademais equipos humanos de maior tamaño. O auxe dos cociñeiros fai que moitos rapaces e rapazas vexan a cociña como unha profesión de futuro. Porén, é un feito que o persoal de sala, lamentablemente, non acada nestes tempos a mesma proxección social, polo que é unha profesión menos demandada polas novas xeracións.

Os expertos din que estamos ante un novo paradigma social. A xente nova presenta diferentes prioridades e esixencias no eido laboral. Aspectos como a conciliación do traballo e a vida persoal, a motivación profesional no posto de traballo, a mobilidade… son argumentos de peso á hora de elixir unha carreira profesional. O empresario hostaleiro ten que ser coñecedor desta realidade, e considerala para conseguir crear un equipo humano sólido e duradeiro no seu negocio.

Temos unha demanda crecente de profesionais na hostalería grazas ao bo momento que atravesa o sector. Galicia pode dar resposta a esta necesidade, pois dispón dunha importante rede de centros de formación hostaleira. Cal é entón o noso reto de futuro? Manternos nesta liña de profesionalización, tanto nos equipos de traballo como na xestión dos negocios de hostalería, e nutrir a profesión de novo talento facéndoa máis atractiva a través da mellora das condicións de traballo.

En Galicia sempre se comeu ben, pero nos últimos anos o salto de calidade, a formación e a profesionalización abren un camiño de prestixio e de futuro.

Máis información