Repetición electoral: triunfo da dereita


Prognosticar sen demoscopia non está de moda, pero pódese facer. Máis nestes tempos, nos que o punto de partida obriga a situarnos sempre no peor escenario posible para intentar evitalo. É doado pensar que unha repetición das eleccións xerais, ademais de significar un inmenso erro da esquerda -cunha responsabilidade directamente proporcional ao número de escanos de cada organización-, significaría un triunfo certo da dereita, pola frustración que xeraría nos votantes da esquerda. Esa plausible vitoria da dereita significaría darlle a volta ao resultado das últimas eleccións e modificar radicalmente o escenario político, pero non debería significar ningún problema nun sistema político que se basea precisamente na alternancia. Porén, neste momento crearía un problema sistémico porque a dereita non ten partidos cunha posición política firme, e aínda por riba carece dunha posición ideolóxica definida. Ambas as dúas circunstancias manifestáronse despois da saída de Rajoy, aínda que eran ben anteriores. Neste intre as tres dereitas deviñeron nunha fonte de inestabilidade sen fin, pois alén das diferenzas clásicas coa esquerda poñen en cuestión aspectos centrais da convivencia e o fundamento mesmo do sistema político.

A ameaza de repetición de eleccións que o PSOE utiliza para negociar a investidura de Pedro Sánchez e mAis o seu futuro goberno non é crible. Baséase nunha demoscopia do mes pasado que quere atinar para dentro de tres meses. Non sei quen deseñou a posición táctica socialista nin en que se basea, pero non é crible no curto nin no longo prazo. É un simple disparate. No curto prazo, porque é pura aventura -nos tempos que vivimos- prognosticar un resultado electoral derivado dunha investidura fallada e dun desgaste entre os partidos que tiñan que chegar a acordo (basicamente as esquerdas, cataláns, vascos e valencianos). No medio prazo porque os cambios políticos da última década son tan impredicibles coma Trump, o brexit e Salvini nos permitan pensar.

No longo prazo a estratexia do PSOE xoga con lume. Aínda que a historia non se repite nunca, ás veces danse condicións similares para cometer colectivamente erros semellantes. As guerras, por exemplo, son diferentes no tempo pero nunca foron erradicadas. Tampouco as drogas nin os exércitos. Dende que comezou esta crise os historiadores vemos pantasmas dos anos trinta. Literalmente. Por iso insistimos en lembrar que os nacionalsocialistas nunca gañaron as eleccións en Alemaña, contra o que afirma un exitoso bulo pouco respectuoso coa verdade e difamador da democracia. O que fixeron foi aproveitar unha innecesaria repetición electoral -na que por certo perderon votos- e a debilidade ideolóxica e política da dereita xermana -convencida de que podía manexalos- para chegar a formar goberno. O demais xa o sabemos. Aínda que os neofalanxistas españois son unha forza aparentemente débil, ningún analista ou observador dubida dos efectos que tiveron no cambio do discurso e a práctica nas outras dúas dereitas. O PSOE non debera xogar con lume.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

Repetición electoral: triunfo da dereita