Entre andrómenas e fume


A perversión da linguaxe, e o uso abusivo ou tendencioso da mesma, é cousa de cada día, maiormente entre políticos. Na propaganda política termos como constitucionalista ou anticonstitcionalista poden non dicir nada, ou case sempre algo que nada ten que ver con ningunha realidade coñecida.

Trátase dunha propaganda perversa porque xoga coa ignorancia da xente e coa pouca ou nula formación cívica da maioría. Estamos cansos de que os alcumes antes expresados se apliquen a opcións políticas que ninguén debera ignorar que acatan a CE -casos de EH Bildu, ERC, PNV e outros- e non se apliquen a formacións que abertamente non a acatan ou que promoven ideas ou políticas que aquela non ampara -caso de Vox, por exemplo-.

Exemplos e supostos que ao meu ver demostran que para algunhas opcións políticas é cuestión principal a afinidade ideolóxica, aínda que quede moi lonxe ou sexa contraria á CE, que non o manifesto constitucionalismo doutras opcións. Con aquelas pódese pactar, pero non con estas, coas que non hai afinidade ideolóxica.

Naturalmente, para soster semellante andrómena hai que poñer o foco nun imaxinario antipatriotismo dunhas determinadas opcións, e, á vez, ocultar ou negar que se contrata coa extrema dereita, sempre patriota, recorrendo, por exemplo, a eufemismos como «non tivemos unha xuntanza con eles, só estivemos tomando café». Ben dixo Goethe que «contra a estupidez ata os deuses loitan en van».

Perversión da linguaxe, cinismo, propaganda de moi baixo nivel, andrómenas e fume.... En calquera caso, argalladas que moitos engolen e, polo que semella, moi a gusto. Porque a perversión pode comezar pola linguaxe, pero case sempre remata por gañar ás persoas. E ás sociedades. Nesas andamos, ou moi cegos estamos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos
Comentarios

Entre andrómenas e fume