Quero ser Chabelita

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

13 jul 2019 . Actualizado a las 09:06 h.

Hai 15 anos publicárase un estudo no que se lle preguntaba ás familias qué non querían que fosen os seus fillos. Non lembro que era o primeiro, ou sexa, o máis indesexable futuro que non querían, pero si o penúltimo: que fosen profesores. O estudo ten moito tempo, pero imaxino que non variaría moito o resultado se o fixesen hoxe. De feito, non teño recordo de terlle escoitado nunca a ninguén dicir: pois eu quero que a miña filla sexa profesora; xa me gustaría a min que o meu fillo fose mestre.

Dalgunha maneira o que estamos a dicir é que non respectamos os nosos mestres e mestras. Non os consideramos máis importantes que, poño por caso, un futbolista de primeira división ou un toureiro, ou, xa poñéndome estupendo por citar alguén de nivel, o gañador de GH VIP ou Supervivientes, eses referentes.

Os nosos políticos non dubidan á hora de falar da importancia da educación. Avisan de que reformarán as leis. Anuncian pactos de Estado. En campaña visitan colexios e fanse fotos cos cativiños. Pero logo, na práctica, en España o docente é un mindundi sen recursos que ten que aturar entre outras cousas ás familias que lles discuten unha nota ou unha sanción, ou cando din iso de que están sempre de vacacións. Querería eu ver a esa xente pechada nunha aula de infantil con 25 cativas e cativos. Se xa aturar aos nosos ás veces (un ou dous) nos fai perder a racionalidade, como será estar con tantos e ademais conseguir que aprendan a ler e a escribir? Como non van ter dous meses de vacacións logo de estar nove seguidos con adolescentes desmotivados, máis pendentes do móbil que dos logaritmos neperianos e que, malia todo estar en contra (a sociedade premia o éxito rápido: Chabelita gaña 60.000 euros ao mes que lle paga unha canle de televisión; Belén Esteban, medio millón de euros da mesma empresa; por só citar dúas mentes privilexiadas), aínda así, aproban logo a selectividade con nota?

Sempre miramos para Finlandia. Que son o modelo. Pois si. Claro que o son. E non por arrasar nas probas PISA, senón porque traballan ben, poñendo no centro ao profesorado. Nos estudos que se fan, idénticos aos que citaba ao comezo deste artigo, sempre sae que son os máis importantes e, porque o son, teñen uns soldos altos. Son dos que máis cobran de todo o país. Porque se sabe que son importantes. Por iso para calquera pai ou nai ter un profesional da educación na casa é un motivo de orgullo. Por aquí preferimos futbolistas ou influencers.

Francisco Castro é escritor e director xeral da editorial Galaxia