A política industrial da avestruz

Pablo Arangüena EN LIÑA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

10 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao fío do artigo publicado neste diario polo conselleiro de Industria co título de Alcoa, ante o principio da solución, é bo momento para facer algunhas reflexións sobre o sector electrointensivo e a industria en Galicia.

Di o conselleiro que o Goberno «non pode demorar por máis tempo a aprobación do estatuto dos consumidores electrointensivos», afirmación sorprendente cando, nos anos de Goberno de Rajoy, a Xunta nunca pediu o que reclama agora a un Executivo que leva traballando un ano e que avanzou na súa elaboración -complexa, entre outras cousas, pola posibilidade de conflito coa normativa europea- como non fixera xamais o Goberno de Rajoy, oposto a esa medida.

O actual Goberno herdou unha problemática agravada durante anos, sinaladamente dende o 2012, pola suba dos prezos eléctricos. Alcoa amagou con pechar en distintas ocasións dende ese ano ata o momento actual, no que se acadou un acordo, pendente de que se satisfagan as garantías financeiras, que garante o emprego durante un mínimo de dous anos, á espera de que se concrete un plan industrial.

Nesa solución, lograda con grande esforzo e implicación do Goberno central, a Xunta estivo ausente. Feijoo, que exerceu como bombeiro-pirómano, negou o compromiso do Executivo, puxo en dúbida a existencia de investidores e agora di que o acordo é un «parche».

Ninguén podería cualificar como parche a política industrial de Feijoo na última década porque foi directamente inexistente, a non ser que contemos como tal o anuncio preelectoral de decenas de barcos, unha base loxística e milleiros de empregos que ía traer Pemex, a planta fantasma de baterías de Mitsubishi, o custoso fracaso -financiado pola Xunta- de Alimentos Lácteos ou a paralización dun sector eólico galego incipiente, por citar só algúns exemplos.

Na última década Galicia perdeu centos de empresas e moitos milleiros de empregos industriais. A isto engádese a fuga constante de empresas ao norte de Portugal, inasumible cando a nosa taxa de paro duplica a media da UE, e que ademais demostra que é posible facer as cousas de forma diferente.

A Xunta ten plenas competencias en materia de industria e de fomento da actividade económica dentro das bases e coordinación estatais. Dito doutra forma, a tarefa de deseñar e executar unha política industrial para Galicia correspóndelle principalmente ao Goberno galego. Dez anos despois da chegada de Feijoo á Xunta, toca facer algo máis ca fotos.

Más información