Escoller carreira, fiarse da vocación

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

09 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Selectividade, vocacións e profesións son o máis importante estes días para moitas persoas. Tanto lles ten estes días que Arrimadas siga empeñada en ir onde sabe que non vai ser ben recibida porque fixo da provocación a súa profesión, que Syriza perda gañando nas eleccións gregas ou que a diplomacia británica confirme confidencialmente o que sabemos de Trump. Mentres isto acontece toda a rapazada de dezaoito anos que fixo a selectividade ten que escoller carreira, e daren sós o primeiro paso cara ao seu futuro. O mundo cambiou tanto nas familias e no sistema educativo que vai sendo hora de explicar que a mellor forma de escoller unha carreira non é seguir os consellos dos pais nin dos expertos, tampouco das empresas e moito menos diso que chaman mercados. A experiencia propia e a de varios milleiros de exalumnos meus dime que a única forma de escoller un futuro é fiarse da vocación propia. Da que un ten cando ten 18 anos. Facer o que che reine. Non hai outra forma de atinar para escoller formación universitaria.

A formación universitaria non vincula a unha profesión, son dous momentos e dúas lóxicas diferentes. Ou tres, ou catro ao longo da vida. O importante é estar ben formado nunha rama do coñecemento que te prepare para asumir sucesivas mudanzas profesionais e persoais. Así era no sistema universitario contemporáneo e así segue sendo no sistema anglosaxón. Tamén aquí, por moito que nos empeñemos no contrario. Para orientar os estudantes gastamos moito diñeiro público. Pais e nais buscan, escollen e pagan o mellor para eles na medida das súas posibilidades. As empresas insisten en buscar profesionais formados para apertar parafusos cando xa non hai parafusos. As universidades converteron os estudantes en clientes, pero atinar co que lles gusta de verdade na aventura do coñecemento é o grande triunfo dese primeiro paso que nos saca da infantil adolescencia. Iso nada ten que ver co consumo.

Os anos de carreira serven para unha formación regrada e non regrada. Non todo o que se aprende pode ser demostrado -nin debe- cun papeliño que se sume a outros papeliños. Saber ordenar ideas, escribir, argumentar con contido sobre un asunto profesional -ou non- e expoñelo con elocuencia oralmente é o máis importante que se lle require no mundo empresarial ou académico á madurez dun egresado universitario. Logo no mundo en xeral e neste noso pequeno mundo tamén está a influencia como factor de emprego. Xaora.

Podería poñer exemplos de grandes xornalistas que estudaron Historia ou de magnates financeiros que estudaron Dereito, pero neste artigo quero falar dun caso demostrativo. Hai días recibín correo dun alumno de hai dúas décadas cun deses agasallos verbais que xustifican o labor dun profesor. Un alumno de Historia cun expediente normal pero que dedicou parte do tempo da carreira a mellorar idiomas e a facer comentarios de música -a súa grande paixón- para varios medios; chegou a facer unha tese de historia da música na recoñecida Universidade de Oxford porque «tiven a sorte de que fixeran máis caso do meu proxecto ca do meu expediente», e actualmente é CEO dun importante grupo empresarial financeiro londiniense. A súa traxectoria non é tan extraordinaria.