Confusos na encrucillada

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

07 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Varios miles de rapaces e rapazas, mozos da Galicia do século XXI, procuran estes días o resultado dos exames de selectividade para ingresar na universidade, estiman a chamada nota de corte, que dalgún xeito os xerarquiza, e valoran a oferta de titulacións académicas para iniciar esta nova etapa nos seus estudos. Algúns teñen a decisión tomada e moi meditada. Outros non. Neste segundo caso a nota decide ás veces por eles. Seica unha nota alta esixe a elección desas carreiras de acceso máis limitado, ou máis solicitadas, ou simplemente porque están de moda, porque as modas tamén contan. En calquera caso, os que nos dedicamos ao ensino recibimos estes días unha chea de consultas deste tipo: «Que podo estudar? Que carreira ten máis saídas?».

Teño un amigo, fillo de familia humilde, que ía para arquitecto. O seu pai teimaba en que fose arquitecto, era a ilusión da súa vida (a do pai), que traballaba na administración de obras nos anos 60 e para quen os arquitectos daquela eran deuses, os amos do mundo coma quen.

Mais así que chegou a selectividade, o fillo pasóuselle de ciencias a letras, ¡era o primeiro universitario da familia dende o principio dos tempos!, houbo conclave familiar para tratar o caso, e cando o pai preguntou ao rapaz que quería facer, se Medicina, Dereito ou algunha desas especializacións, o mozo espetoulle que el o que quería era estudar Humanidades, o que antes se chamaba Filosofía e Letras.

-Pero iso é unha carreira de curas e de mulleres!, reaccionou o pai.

-E que eu quero ser profesor.

-De que?

-De Historia, de Literatura, profesor de xente nova.

Seica algo parecido pasou con ese rapaz que obtivo a cualificación máxima este ano e sorprendeu a algúns dicindo que el quería estudar galego, Filoloxía Galega. ¡El, que podía escoller calquera cousa, vénse para o galego! De seguro que se escollese calquera outra especialidade ninguén se sorprendería, se cadra mesmo nin sairía nos xornais. Podo dar fe de que ao meu amigo, o fillo daquel que o quería arquitecto, non lle foi nada mal, e co tempo o pai sentiuse moi orgulloso del, pasado ese primeiro momento de desilusión que sentiu.

«E que vou facer agora?», pregúntanme os meus alumnos, mesmo cando rematan os seus estudos e teñen que afrontar os primeiros pasos da vida profesional. «Apostar por vós». Non sei dicirlles outra cousa. «Definir ben o que queredes e ir a por todas, sen concesións, porque a vida (case diría que a felicidade) vai depender moito da realización persoal que consigades, do sentido que lle atopedes ao propio esforzo, que vos compense doutras frustracións. Apostar e formarse, non renderse nunca, traballar a curiosidade, como esponxas, abrirse ao mundo, ás experiencias todas, e nunca perder a fe en vós mesmos. Non hai carreiras de primeira e carreiras de segunda; hai xente que aposta e cre no que fai».