Ao redor da romanización de Gallaecia


Como se produce a relación entre unha cultura e unha lingua cunha longa tradición, pero politicamente dominada, con outra cultura e outra lingua, de tradición non menos longa, pero dominante? Os galaicos son os dominados, Roma, o seu imperio, os dominantes. O resultado desa interacción chámase romanización. A Galicia actual é o resultado dese proceso en dous puntos fundamentais. O galego e o cristianismo son as herdanzas da Roma vencedora que aínda nos definen. Pero os romanos non viñeron a Gallaecia a pór academias de latín e escolas de arquitectura ou a dar clases de relixión.

Os romanos viñeron en forza no tempo de Augusto (estanse a descubrir ducias de campamentos lexionarios da época). Viñeron a El Dorado, ao lugar de onde procedía boa parte do ouro acuñado no Imperio ao longo da súa historia. Viñeron cobrar impostos e para iso fixeron o primeiro censo de poboación. Xa instalados como potencia ocupante, recrutaron para as súas lexións a milleiros de homes que batallaron en todas as fronteiras do Imperio. Viñeron organizar unha explotación dos recursos costeiros para abastecer o exército do Rin.

En Gallaecia, ao contrario que en tantas outras rexións do Imperio, non coñecemos a cara amable de Roma. Non temos cidades con planta cuadriculada, leis coloniais, templos con columnas ou chairas centuriadas (unha forma de concentración parcelaria) para explotalas ao seu xeito.

Comprender a romanización de Galicia é entender as razóns históricas dunha contradición. Entender como se transforma unha iniciativa depredadora, que busca o lucro inmediato, nun resultado cultural duradeiro, a lingua e a relixión, sen que os romanos usasen as ferramentas e modos coñecidos noutros lugares.

Entender a romanización de Gallaecia implica responder a unha serie de preguntas. En que momentos, con que fases se establecen as novas formas de explotación tras a conquista. Quen, a partir desa nova realidade, asimila novas formas culturais para definir os novos usos sociais que terminan por triunfar. Como se produce esa transformación, por que, por exemplo, os habitantes de tantos castros seguen habitándoos con transformacións pero, con todo, non fundan tantas cidades coma noutras partes.

Por Marco V. García Quintela Catedrático de Historia Antiga da USC

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Ao redor da romanización de Gallaecia