Filantropía

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

02 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A filantropía pouco ten que ver coa caridade, aínda que moitos a confundan, sobre todo nos países de tradición católica dominante. Mesmo moitos ateos de cultura católica tenden a confundir ambas as dúas, tanto na esquerda como na dereita. Na última campaña electoral a algúns sorprendeunos a confusión xerada sobre este asunto, a propósito dunhas palabras de Pablo Iglesias e da posterior tormenta mediática. A filantropía ten que ver co uso da riqueza, e a caridade coa salvación da alma. A filantropía atende ao uso do diñeiro, e a caridade á xestión aquí do máis alá. A filantropía é amor á humanidade e a caridade ten que ver co amor a Deus.

Hai unha longa tradición filantrópica cívica, liberal e republicana que foi ben coñecida en Galicia e en todo o norte peninsular, onde a emigración a América foi corrente de ida e volta durante máis dun século. As fundacións filantrópicas de emigrantes son abundantes en Galicia. Están tan preto de nós e tan integradas, teñen tanta historia xa que ás veces nin reparamos nelas. Entre as máis coñecidas, as dos irmáns García Naveira en Betanzos, a de Pedro Murias na Devesa (Ribadeo) ou a de Fernando Blanco de Lema en Cee, constituídas hai moito máis dun século. Outras son aínda máis antigas pero tamén enlazan, coma as anteriores, coas mesmas tradicións do liberalismo anglosaxón, neste caso a través do exilio. Tal é o caso por exemplo da Fundación Juana de Vega.

Non son as únicas nin o único modelo. Aínda son máis coñecidas aqueloutras fundacións instituídas non por único filántropo, senón por sociedades de emigrantes. Non todos participaron, pero nas aldeas aínda hai memoria de quen contribuíu ao lugar e de quen non o fixo. Constituídas para facer dende a sociedade civil aquilo que non sempre facía o Estado, especialmente escolas, pero tamén cemiterios Civís ou lavadoiros, estendéronse capilarmente por todo o país. Compartían coas fundacións filantrópicas a lóxica de devolver á sociedade unha parte do gañado e de axudar e contribuír ao ben común. Baseadas na mesma idea de facer algo socialmente útil co diñeiro gañado ao longo da vida, algo que beneficiase ao veciños da terra onde naceron, legando fortunas ou modestos recursos que ben puideron destinar a fins moi diferentes, de non preferir dedicarllo á comunidade. Unhas fundacións foron imitando a outras nun círculo virtuoso que se estendeu ao longo do tempo ata a Guerra Civil. Despois non.

O ben común, o beneficio da comunidade, é doado de identificar. Pagar impostos e garantir servizos públicos forma parte do pacto socialdemócrata da posguerra mundial.

A España isto non chegou ate a recuperación da democracia, e con moitas dificultades. Con razón dicía Fuentes Quintana, un dos impulsores daquela reforma, que aquí gañaran a guerra os da «coiraza fiscal». Pouco durou a alegría na casa do pobre, porque moi axiña a moda da revolución conservadora colleu a todos os economistas, e a máxima pasou a ser: menos impostos para garantir máis riqueza. Chámanlle neoliberalismo, pero só para branquearse e amolar aos antiliberais patolóxicos que confunden o liberalismo histórico co presente.

Cómpre empezar a distinguir.