O Estado e as desigualdades

OPINIÓN

01 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As desigualdades poden corrixirse creando maior emprego, especialmente no sector dos servizos públicos. Cando menos son moitos os sociólogos e economistas que así o pensan. Polo tanto, é o Estado o que mellor pode acometer esa tarefa, xa que a el lle corresponde garantir que eses servizos teñan a debida idoneidade.

Digan o que digan os que se opoñen a esa idea, é un feito evidente -por xeralmente coñecido- que os países que máis gastan nese sector son os que mellores resultados obteñen en canto á redución das desigualdades e da taxa de pobreza. O que demostra que a vontade política, que non sempre a hai, é indispensable neste caso, que esixe, ademais, unha política que pode ter tropezos con poderes de todos ben coñecidos, tanto interiores como exteriores.

O estado de benestar está moi lonxe de ser a orixe ou a causa das crises económicas, como pensan algúns, pois os países que mellor desenvolven o estado de benestar mostran mellores resultados en termos económicos (crecemento, desemprego, inflación, produtividade e competitividade). A expansión do gasto público social, tan escaso en España, como ten demostrado Vicenç Navarro, entre outros, ten un impacto positivo, directo e indirecto, na creación de emprego, público e privado, como sen dúbida ningunha demostran os países nórdicos, entre outros. Unha boa razón para urxir un cambio radical de política, corrixindo a que se veu practicando.

Pódese probar que aqueles países que teñen demostrado un emprego máis certo e sólido teñen tamén un sistema máis expansivo para atender o seu benestar social. Achegarnos a eses niveis é tan só unha cuestión de vontade política, que nunca houbo neste país, e que está esixindo un cambio político radical, pero que non se ve por ningures.