Mapa político para as eleccións do 2020

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

25 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que rematou este ciclo electoral e falta algo máis dun ano para as eleccións galegas é o momento de situar os lugares do mapa político galego co seu complexo e abundante nomenclátor. Para facer o mapa hai que cartografar todos os accidentes do vello macizo galaico que definen a súa sinuosa topografía. Empezando polo PP. A reunión do Goberno organizada por Feijoo o pasado xoves preséntase como unha forma de reacción diante das sucesivas derrotas e como o arrinque dunha longa campaña dende o poder. Tamén debe verse como un aviso a navegantes: en Galicia e para as eleccións galegas fóra do PP non vai haber máis dereita. Rematada a reunión presentaron liñas de forza programáticas que, como non podía ser doutra forma, coinciden coas súas principais debilidades: educación, sanidade e natalidade.

Cos populares non abonda facer mapas: cómpre saber que é o que hai e que pode haber, e para iso o mellor é saber o que nos di o pasado. Dinos que van revisar todas as debilidades propias e alentar as dos contrarios. Teñen nove meses para revisar todos os concellos perdidos e todas as candidaturas independentes. De entrada xa teñen un aliado -inestable pero útil- en Ourense. O resto da dereita non existe nos concellos, do que se deduce que non vai haber listas que lles fagan a competencia nas vindeiras eleccións. Aos neofalanxistas isto quédalles moi lonxe e non parece que logren facer un plan de accesos a Galicia deica entón. En canto a Cs, se logran algún escano irá presto na axuda do PP. Veriamos entón o que xa vemos en Ourense: un Goberno de coalición na dereita sen aparencia de tal.

O PSOE, pola súa parte, vive un momento especialmente doce. Nunca ata agora gañara unhas eleccións xerais en Galicia. E as municipais, como eles mesmos proclaman, vanlles permitir gobernar sobre ou con -xa se verá- case dous terzos da poboación galega. Vendo como se constitúen os gobernos municipais os socialistas parecen estar empeñados en gañar coma antes para gobernar coma sempre. Pero en Galicia nunca foi así. Que en Galicia gobernen os socialistas significa tripartito ou bipartito. Sábeno, pero non se acomodan. Semella que vendo o éxito que lograron estean pensando que xa chegou a hora dun goberno monocolor. Pode que o innecesario conflito que veñen de provocar en Lugo a conto da substitución do presidente da Deputación apunte nesa idea de fortaleza e na procura de máis eficiencia cara á vitoria en solitario.

Con tanta ansia non reparan en que acaban de abrir unha fronte interna pola que sempre entrará o PP, só ou en compaña. Os datos apuntan á derrota de Feijoo dentro dun ano, pero iso require unha alternativa que non cometa moitos erros deica entón, con todo o poder da Xunta do PP ao axexo.

O que vaia facer Feijoo ten pouco misterio: enlear e dividir. Os pactos das municipais -Catoira, Mondariz, Ourense- así o indican. De non lograr o PSOE a difícil aspiración de gobernar en solitario contan cun BNG disposto, e temen -máis do que confían- ao resto da esquerda. Algo de razón non lles falta, visto o visto. Sen a terceira pata a derrota do Partido Popular é improbable. Esa será a fenda que aproveite Feijoo.