O importante é quererse

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

25 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Voulles contar un segredo. Só hai unha cousa que a cada galego lle importe menos cá identidade do homenaxeado no Día das Letras: a liorta de todos os anos entre os académicos, chea de testosterona.

Pero eu si sigo esas leas que tan ben definen os motivos polos que algúns lograron sentar nos asentos da academia á calor dos ácaros centenarios. Gústame ver que as mentes preclaras de Galicia se preocupan polo progreso da lingua igual que facían no patio da escola, o descampado do suburbio ou o departamento da universidade. Non lles parece case entrañábel que, quizais para contribuír activamente a evitar o esmorecemento da lingua e a caída de lectores da literatura, un grupo de académicos escribise o comunicado titulado A Galicia insólita: dúas propostas para Carballo Calero DLG 2020?

Segundo o texto, sofren porque cambiaron de opinión aqueles que levaban cinco anos votando en contra da candidatura de Carvalho Calero.

Con todo, como xa saben que eu quero ser académica malia que sempre fun a gogó de todas as festas, lémbrolles que as leas na academia nunca se deberon realmente a motivos intelectuais. Térmenme tamén dese segredo que gardan as hemerotecas: a non ser que as corruptelas varias de certos intelectuais sexan parte do seu currículo, a realidade é que na academia se discuten os divorcios persoais acontecidos noutros cenáculos da galeguidade que tamén feden a Varón Dandy. Como lles diría un amigo sabio: se o importante é quererse! Claro que na RAG hai menos amor ca no interior da bomba atómica.

Ricardo Carvalho Calero debe estar remexéndose de deshonra. Menos mal que os galegos, libres dos ácaros da rúa Tabernas, non chegarán a saber que nin iso os fai calar.