O portugués naceu por xeración espontánea?

OPINIÓN

Luis Faro, presidente do Instituto Camões
Luis Faro, presidente do Instituto Camões Sandra Alonso

24 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En visita institucional á Galiza, o presidente do Instituto Camões, Luís Faro Ramos, afirma que galego e portugués non son a mesma lingua, ben que entre elas hai proximidade, maior da que hai entre o portugués e o castellano. Resulta lamentábel -dígoo así, ás claras, sen ceder á pretensa ambigüidade caracterolóxica galega- que un alto representante cultural de Portugal se manifeste deste xeito ignorante. O portugués, señor Faro, naceu do galego, que se expandiu de norte a sul (como o castellano, como o catalán), nun tempo en que a fronteira Galiza-Portugal simplemente non existía: nobres con patrimonio común aquén e alén do Minho, alianzas estratéxicas entre a aristocracia de ambos lugares, trobadores dun e doutro lado coa mesma lingua e os mesmos códigos literarios... O portugués é o galego do Sul, cunha diferenza fundamental provocada pola separación política: tal e como afirmaban os nosos clásicos, o portugués non é máis que o galego moderno e oficial, quer dicer, o que tivo a oportunidade de se desenvolver como tal, con todas as institucións do poder político, do Estado, detrás, en canto o galego orixinal ficou oprimido, reprimido, comprimido e deprimido (e asegúrolle que non é un xogo inútil de palabras coa mesma raíz).

Galego e portugués (de Portugal, dos Açores, da Madeira, do Brasil, de Angola, de calquer outro lugar do mundo...) pertencen ao mesmo sistema, como o español de España, da Arxentina, de México..., ou o inglés do Reino Unido, dos USA e de todas as súas colonias ou excolonias.

Non deixa de ser irónico que o Foro patrocinado polo Consello da Cultura Galega e polo Instituto que vostede preside se intitule Inés de Castro. Quen foi ela? Acaso descoñece que foi unha aristócrata galega, da poderosa familia dos Castro, en alianza directa coa monarquía portuguesa? Permítame a pergunta -xa que este artigo, como ve, é unha sorte de carta aberta a vostede-: quen foi ou foron os seus informantes?; En que fontes históricas ou actuais se documentou para facer semellante afirmación?; Ou acaso ela se acomoda ao que agrada e impón o establishment español e as súas obedientes sucursais galegas?

O carácter unitario arriba mencionado é axiomático, señor Faro, para a romanística histórica: xenética e tipoloxicamente, galego e portugués son pólas da mesma árbore. Cal é a grande diferenza? Mentres a filla medrou e progresou, a nai esmoreceu e entrou en fase anémica. Darlle a vida merecida ao galego: eis a nosa tarefa, compromiso que ha de ser bilateral, por conveniencia mutua, por respeito á verdade histórica e por ansia de futuro en pé de igualdade. Obrigada pola súa atención.