Heroes, mitos e deuses

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

22 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que o Dépor parece ter pé e medio en primeira, pregúntome se os nenos coruñeses participan desta ilusión. Dígoo porque, sen televisión, nin Internet, nin móbiles; sen case nada na miña infancia ferrolana, os meus heroes foron os deportistas locais: os xogadores da Liga de Fútbol de Modestos, na que participaban equipos do centro e dos barrios; os de baloncesto no equipo de Bazán, que gañaba sempre aos de A Coruña; e os atletas, tamén de Bazán, que destacaban en todas as disciplinas. Con cinco, seis e sete anos, meus amigos e eu iamos ao Campo de Batallóns cun público afervoado de tres ou catro mil persoas, para aplaudir xogadas e goles. Alí vin un gol olímpico de Herrerita, extremo do Galiano, o equipo dos cerillitas; e cando Zidane meteu o de bolea na final dunha Copa de Europa, non me deu o infarto porque sesenta anos antes vira outro semellante de Selo, do Esteiro, que era do meu barrio.

Emocións fortes no baloncesto causábanas os tapóns, mates, lanzamentos e carreiras dun equipo formado por traballadores da factoría, e emocionantes eran tamén as probas de atletismo no Inferniño, sobre todo a de salto con pértiga, na que sobresaía o meu veciño Gil, un superdotado que conseguiu superar 3,30 metros coa forza dos brazos e o impulso das pernas, porque a garrocha, tesa coma unha pica, non axudaba nada. Ah! Por non haber colchonetas, os saltadores tiñan que caer de pé, cun suspensorio nos testículos como única protección.

Eses deportistas, aos que tiñamos acceso, eran os heroes da rapazada; os mitos estaban nos cromos que coleccionabamos e no NO-DO. Así de candoroso era o deporte, incluído o fútbol, e foino durante anos; por iso o escritor Eduardo Galeano puido contar que dona Tota chegou ao hospital cun neno na barriga e atopou no chan unha estrela con forma de prendedor. Colleuna, tívoa na man durante o parto e aquela noite naceu Diego Armando Maradona. Seguro que as nais de Pelé, Eusebio, Cruyff, Messi, e Cristiano atoparon unha estrela semellante.

Hoxe os mitos convertéronse en deuses, aos que consentimos todo. Michael Phelps, o mellor nadador olímpico de todos os tempos, non pasou de mito e por iso a opinión pública norteamericana rexeitouno cando apareceu nunha foto fumando marihuana. Neymar é un deus, e aínda que unha modelo o acuse de chegar cabo dela borracho e drogado, e o denuncie por violación ou malos tratos, os presidentes do Barcelona e do Madrid reloucan por fíchalo. Os deuses nunca foron exemplo de moralidade, e os do fútbol non teñen por que selo. Por iso eu son máis de Gómez Noya, de Nadal, e de Carlos Soria, que á miña idade seguía subindo oitomiles; e de boa parte dos deportistas que saen en Informe Robinson. Porén, os meus heroes deportivos son o ciclista Gino Bartali, a quen Mussolini presentaba como icono do feixismo, pero salvou a centos de xudeos italianos; e o checo Emil Zatopek, que nas Olimpiadas de 1952 gañou, nunha semana, os 5.000, 10.000 e a maratón. Militar, como todos os atletas, foi ascendido a coronel, pero en 1968 apoiou a Primavera de Praga do presidente Dubcek, esmagada pola Unión Soviética, e, expulsado do Exército, traballou de barrendeiro. Pouco antes de morrer, un amigo viaxou a España e preguntoulle que podía levarlle. Respondeu: «Unha laranxa».