Non sexamos hipócritas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

20 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sexamos responsables, deixemos as parvadas, os finximentos e a falsa sorpresa a un lado e mirémonos a nós mesmos de fronte e por dentro. Se esquecemos a hipocrisía atoparémonos culpables.

Non serve botarnos enriba dun comentarista televisivo porque dixera unha frase machista coa que alixeirar un delito de acoso e ataque á intimidade e integridade. Sexamos serios e reflexionemos sobre quen é el. Naceu no berce da prensa rosa e socialité. Veuse arriba cando emparentou coa aristocracia, coma se iso lle dese unha dimensión superior á súa mente e personalidade. Agora séntese con poder porque sae nunha canle de televisión falando de temas de actualidade. Igual pensou que era un xornalista de investigación... vaian vostedes saber.

Pensan que ten poder? Se é así, onde radica este? Sae en pantalla e deixamos que de maneira habitual comente o que lle peta sobre o que acontece no mundo. E saben por que? Porque representa a certo sector da sociedade que é coma el. Se fose o único que pensase así, créanme, non estaría en antena nunha das franxas horarias con maior audiencia, nin nun dos programas líderes. Así que agora non veñamos botarnos as mans á cabeza porque dixo unha barrabasada. Seguro que non é a primeira. Pero, queiramos ou non, está representando parte da nosa sociedade. Si, si. Non é o único que pensa así, téñano por seguro.

Censuro completamente o que dixo, pero a cuestión é educar para evolucionar. Porque el tamén é pai, e xa imaxinan como está a formar ás súas fillas e fillo.