Das troitas, aquelas as súas señoras

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

20 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano reviso e analizo como lle vai á acuicultura e ó marisqueo por mor de cumprir con ese milagre que son os mais de 30 anos do Anuario de Economía de Galicia, dirixido polo Idega, primeiro con patrocinio de Caixa Galicia e mais logo de Abanca.

En canto me enredo nos datos e nas empresas das troitas preciso de acudir ás escritas de Juan José Moralejo Álvarez. A ese libro, dunha Galicia agochada, pola que corren as sortes e as vidas de As troitas, miñas señoras. Unha Galicia que un ten atopado naquel rio Froxá, ou en Friol, tamén no Lor e no Caurel, e mesmo en Monterroso, Estás ou en Sigüeiro.

E por mais que comparto có profesor Moralejo que entre os inimigos das troitas están «os que din que lle saben igual as troitas de piscifactoría e as do río», e mesmo concordo con el «que moitos de entre eles deberan de ser condenados de por vida a fumaren folla de parra, que sabe como o tabaco; a tomaren sopa de sobre, que é igual có caldiño de grelos, e a tomaren chicoria descafeinada, que sabe como o café», non por elo desprezo o ben que fai ter cando menos troitas, das ben criadas que de todo hai no mundo das piscifactorías, unha vez consumados estragos en ríos e regatos.

Houbo un tempo, hai anos, nos que Galicia ocupaba un lugar sobranceiro na produción de troita de piscifactoría, onde das 350.000 toneladas que se producían en Europa a comezos de século, España producía un 10 %, ao que Galicia contribuía cunhas 9.500 toneladas, un 30 % da produción de España. Dez anos despois, no 2011, o tradicional liderazgo de Galicia -con 34 instalacións- cedeu paso a Castela e León.

No conxunto de España a produción de troita descendeu até as 24.000 toneladas, e en Galicia descendeu ata as 4.900 toneladas, co peche dun 20 % das instalacións existentes. Aínda así o cultivo de troita mantiña un emprego dun millar de traballadores en zonas rurais. Na orixe deste devalo están problemas de rendibilidade asociados ao canon da auga e competencia das importacións, mais tamén algúns outros problemas derivados do tamaño das explotacións e da súa capacidade innovadora; pois non é doado de explicar senón que mentres Galicia con 32 instalación producía 4.900 toneladas, Cataluña con cinco producía 4.650, e Castela e León, con 22 instalacións, 6.000. Mesmo sendo tamén Galicia senlleira nunha tecnoloxía de produción de ovos, Ovapiscis, aló no Fontao de Baleira.

Mais a troita e o seu cultivo na Galicia e España inda foi a menos, e así atopamos este último ano unha produción dunhas 17.000 toneladas para España, e menos de 2.000 en Galicia. Os movementos de capital no sector da troita continuaron e Ovapiscis, así coma outras empresas españolas, foron adquiridas pola francesa Aqualand, que concentra o 60 % da produción española. En Galicia o peche de Marcultura, e a redución da produción doutras grades empresas, explican ese devalo da produción de troita até as 1.321 toneladas do ano 2017.

Volvendo ó conto. Se con todo gustaren da troita de río, coiden dalgún amigo pescador ou, cruzando o Eo, o Cebreiro ou o Padornelo, acerten.