Crónica da fábrica da catedral

Daniel Lorenzo LIÑA ABERTA

OPINIÓN

20 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Concluída a restauración da arquitectura barroca máis singular, a torre do Reloxo e a fachada do Obradoiro, así como da neoclásica da Acibechería e o ciborio gótico e barroco que permitiu descubrir un espazo extraordinario baixo a cúpula, agora intervense nas cubertas e no interior. As estadas situadas na parte superior obedecen á restauración do revestimento pétreo que Francisco Pons Sorolla ideara coa intención de recuperar a cubrición orixinal e establecer o percorrido polos tellados para contemplar a vista de paxaro a cidade histórica e o seu contorno territorial. No interior, trabállase asemade nos paramentos pétreos das naves, nas bóvedas, nas pinturas da Capela Maior e no aparato ligneo.

Son moitas mans, ollos, razóns e sentimentos dedicados á conservación, restauración e rehabilitación do conxunto catedralicio, nun traballo colaborativo de múltiples profesións. A oportunidade de ter o patrimonio a curta distancia para analizalo e interpretalo, para corrixir patoloxías, filtracións, sucidade e mesmo problemas de estabilidade nalgún punto como o baldaquino, permite ademais desentrañar a fabricatio do monumento, como foi construído e ensamblado nas súas partes.

Produce emoción poder estudar máis de catrocentos capiteis distintos, modelo dun románico excepcional, que articulan o sistema de sustento das bóvedas, ou restaurar a reixería renacentista esquecida e deteriorada, co obxectivo de patrimonializar de novo cada un dos elementos constitutivos do templo.

A fábrica límpase de adicións e apéndices prescindibles para recuperar a harmonía. A catedral vai respirar cunha ventilación adecuada, porque os aspectos ambientais son esenciais para a conservación. Como tamén é importante acertar na combinación da luz natural coa discreta iluminación artificial de apoio desenvolvida nun plan director específico, eliminando cableado innecesario e contribuíndo a crear unha atmosfera evocadora da espiritualidade desde o contrapunto de artes e estilos.

Unha vez rematadas as obras antes do Ano Santo, descubriremos de novo o eixe nacente-poñente que parte do Obradoiro e ascende pola escalinata maximiliana ata o Pórtico, cruceiro e cabeceira, sobre o que se insire o gótico e o renacemento das capelas, o barroco exultante dos órganos e o altar maior; e o eixe setentrional-meridional, da porta da Acibechería ata a das Praterías, con frontispicios retranqueados e fachadas reformadas. Estes tránsitos suxiren novas preguntas que con estes estudos se tenta responder. Un empeño colectivo que concluirá nun libro coral, posta ao día do estado dos coñecementos sobre a historia da catedral, patrocinado por Turismo de Galicia.

Grazas ao conxunto de arquitectos, historiadores, arqueólogos, restauradores, ambientalistas, oficios, empresas, e ás administracións que patrocinan este esforzo, por traballar en equipo con xenerosidade intelectual. O premio Europa Nostra outorgado á restauración do Pórtico da Gloria, mercé á Fundación Barrié, o IPCE, a Xunta de Galicia e a Fundación Catedral indica o acerto do labor feito ata agora e marca o camiño a seguir. O futuro está no plan de conservación preventiva para manterse en posición vixilante e eludir a necesidade de grandes traballos nos próximos lustros.