Carvalho Calero con Nós

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

20 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se non pasa nada raro, este sábado a RAG confirmará que Carvalho Calero será a figura homenaxeada co Día das Letras Galegas 2020. Non era sen tempo. Moito tardaron. Pero xa está. E é un acerto que sexa nun ano no que celebraremos o centenario da Xeración Nós. Darlle o Día das Letras a Carvalho Calero é unha boa decisión. E non porque así finalizará esa liorta eterna que seica existe dentro da institución (que non se vai acabar, xa veredes...), senón porque é un acto de xustiza pois os méritos de Carvalho, moito máis grandes que outros persoeiros que antes ca el recibiron esa homenaxe, son incuestionables. A decisión permitirá, ademais, convertelo por fin en patrimonio de todos. Porque Carvalho ten que ser propiedade de todos independentemente dos que fan da súa figura (máis que da súa obra o fan dunha opción ortográfica) bandeira exclusiva (e polo tanto excluínte) dende hai ben de anos. O de menos, para min, é o feito de que na última parte da súa vida e da súa produción optase polo reintegracionismo.

De verdade que iso me parece o menos relevante. De feito, non lle dou ningunha importancia porque ese asunto non lle dá nin lle quita méritos. Está sobrado destes últimos, escribise como escribise a súa obra nun momento ou noutro da súa vida intelectual.

Meréceo porque foi un galeguista convencido, fiel ao País antes e despois da Guerra Civil, feito que lle levou a ser duramente represaliado. Por coherente. Por non renunciar a aquilo no que cría. Meréceo porque elevou a un estatus científico e académico a lingua e a literatura galegas, sobre todo a esta última, facéndonos un agasallo marabilloso como foi a Historia da Literatura Galega que a editorial Galaxia publicou no ano 1963. Unha cultura coma a nosa, naquel intre tan complicado, co franquismo enriba da cabeza de todo o que recendese a Galicia, ao recibir unha Historia da (súa) Literatura o que está a recibir é un marco de seriedade científica, de obxecto, que se me entenda ben, serio, en pé de igualdade co resto das literaturas do mundo. Meréceo porque foi un home comprometido coa nosa causa e que por iso foi condenado, castigado coa morte civil que significaba non poder exercer a docencia. Malia todo iso, foi coherente. E hoxe estamos, aquí, para celebrar esa coherencia.

Que o ano 20 sexa o dun Carvalho Calero no que todas e todos nos sintamos reflectidos e no que poidamos revisar unha vida, e unha obra, que nos fai grandes, tamén, a Nós.