Os nenos ven pornografía

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

18 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un estudo realizado no Reino Unido sobre consumo de pornografía por parte de nenos e adolescentes pon de manifesto que o 94 % viron vídeos pornográficos antes dos 14 anos. Outro estudo español revela que un 70 % accederon por primeira vez aos oito anos. E un 54 % de mozos e un 39 % de mozas cre que eses vídeos dan unha visión realista das relacións sexuais.

A partir dos 14 anos moitos acceden para excitárense, pero hai unha porcentaxe elevada de adolescentes que o fan «para aprender», sobre todo os máis novos. E o que aprenden son condutas e aspectos da sexualidade que poden ser moi prexudiciais para a súa vida adulta. Póñolles un exemplo cómico: un adolescente meteu a man baixo as saias dunha compañeira de colexio, con consentimento da moza, e retirouna inmediatamente con horror, dicindo: tes pelos aí! As fotos e vídeos non lle serviron nin sequera para coñecer a anatomía feminina.

Un dos meus fillos, aos oito anos, preguntoume se era certo que, «facendo iso» de pé, a moza non quedaba embarazada. Asegureille que era falso, e entón preguntoume se era certo que, se se usaban preservativos (aos que el chamaba «tubos»), despois non podías ter fillos. A información proviña dos seus compañeiros de colexio.

En Suecia a educación sexual incorporouse á educación xeral nas escolas en 1955, e nas décadas dos 70 e dos 80 incorporárona outros países europeos. En España aínda non está regulada. Pregúntome se os que se opoñen a que se inclúa na lei de educación prefiren que os nenos sigan aprendendo a través de vídeos porno.