Castelao como mito e a política

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

18 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A semana pasada xuntáronse varios centos de persoas na presentación dun libro en Santiago. Un acontecemento infrecuente. Foi no Museo do Pobo Galego e o libro era o primeiro tomo da biografía de Castelao elaborada por Miguel Anxo Seixas Seoane. «Non fun eu, foi Castelao!», defendeuse o autor abafado polo éxito de convocatoria. Leva razón. O poder do mito de Castelao, finado hai case sete décadas, é aínda maior que o de Rosalía. Explicar ese mito é unha das chaves da biografía do Seixas.

Aínda que foi artista, escritor e moitas cousas máis, o mito de Castelao vén da súa acción política, convertida nun modelo ideal de compromiso co país, honestidade e entrega ás conviccións: persecución, exilio e morte incluídas. Os modelos biográficos do pasado tenden a guiar comportamentos, sobre todo no caso das elites políticas. Lenin, Churchill ou Azaña son exemplos disto no século XX. Castelao, por contra, é un mito popular que non funciona como modelo de comportamento na elite política galega, menos aínda para a nacionalista. A falta de irmandade e as contas sen saldar son a norma no nacionalismo galego na última década, reproducindo comportamentos que no tempo crucial da Transición o levaron case á irrelevancia política. Non se viviu así, pero así foi, visto na distancia do tempo e dende o punto da vista dos votos dos cidadáns: grande influencia con escasas consecuencias políticas duradeiras.

A ausencia hoxe dun proxecto estratéxico de longo prazo para o país marca a diferenza entre o actual galeguismo e aquel que fixo a Castelao deixar de ser artista para converterse no político máis importante da historia do nacionalismo. O máis votado, o máis lembrado, o máis icónico. Nos anos trinta, lograr un Estatuto para construír política e institucionalmente o país foi o motor da primeira xeración nacionalista. Lográrono e legáronlle ao país un Estatuto sen sequera chegaren a velo: fusilados, mortos ou exiliados, todos eles. Cal é hoxe en día o motor estratéxico do nacionalismo en Galicia? Se algún partido o sabe debe ser un segredo moi secreto. Non parece que sexa lograr unha maioría para construír o país dende o goberno da Xunta, menos aínda establecer alianzas para logralo. Nin a utopía arredista forma parte de ningún programa de longo prazo.