O latín ignoto de Valle-Inclán


En 1984 inaugurouse o Centro Dramático Galego (CDG) cun Woyzeck de Georg Büchner, aínda que a proposta inicial fora Divinas Palabras. Daquela, pouco se sabía de que os herdeiros do autor se ían negar á tradución ao galego dunha peza escrita xa nun galego castelanizado, ou nun castelán galeguizado. Esta decisión forzou ao CDG a estrearse con Woyzeck; un texto de calidade indiscutible, pero, era o máis axeitado para inaugurar a andaina do noso teatro público?

Dous anos despois, en Vilanova de Arousa, o grupo de teatro amador Baldadiños, baixo a dirección de Roberto Leal, representaba esta peza. A idea era que a función tivera lugar ao aire libre, pero a climatoloxía impediuno e a Casa do Mar pareceu a mellor alternativa. A polémica debeuse neste caso á interrupción da función que, a raíz de determinados espidos en escena e ao berro de «Fóra!» e «Indecentes!», protagonizou o patrón maior da Confraría de Pescadores. As reaccións a favor e en contra non se fixeron agardar. A compañía pediu que se falara máis da obra e menos da polémica. Pero con Valle en Galicia este é un desexo difícil de satisfacer.

En 1998 o CDG emprendeu a produción Valle-Inclán 98. O obstáculo: a obrigatoriedade de facelo en lingua castelá. A consecuencia: a polarización do sector escénico profesional galego. Que era máis importante, que o CDG levase a escena a Valle ou que fixese teatro en galego?

No 2017, xa liberados os dereitos sobre a obra do autor, escolléronse dous proxectos para celebralo: A cabeza do dragón por Quico Cadaval, que gañou a carreira cronolóxica para ser o primeiro Valle levado a escena en galego, e a produción propia do CDG Martes de Carnaval. Este espectáculo tamén tivo a súa polémica, con deserción incluída. O que fora ideado como unha dirección a catro mans converteuse nunha proposta escénica de factura impecable integramente a cargo de Marta Pazos.

Por fin, no 2018 o CDG puido producir Divinas Palabras. Completou ademais a súa xira co paso polo Teatro Español de Madrid, testemuña da estrea mundial desta peza en 1933, baixo a dirección de Rivas Cherif, con Castelao na escenografía e a Xirgú no papel de Marigaila. E así chegamos a Divinas Palabras Revolution, con dirección de Xron e nova polémica servida. Nesta montaxe partiuse da desmembración para crear un Frankenstein, -un reality show ao modo de Grande Irmán- verdadeiramente elocuente para pór diante de nós, público do século XXI, o espello que reflectira o noso interior.

Levamos falado de cinco postas en escena de Valle-Inclán nos escenarios galegos, seis se contamos esa primeira que non foi. Seis proxectos artísticos para constatar que, sempre que se montou a Valle no noso territorio, xurdiu unha nova polémica na paisaxe teatral galega. Permítanme pois que imaxine a un Valle desgonzado, pero aínda con aires de Don Juan, rindo a cachón entre bambolinas por ter sido capaz de abrir de novo a caixa de Pandora dos díxome-díxomes, e sementar a confusión do latín ignoto das Divinas Palabras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O latín ignoto de Valle-Inclán